A volta ciclista a España terá un espectacular fin de etapa en Ourense con meta no Seminario Maior

0
  • As restricións sanitarias obrigan a modificar a chegada, inicialmente prevista para o barrio de San Francisco.
  • Xunto con Madrid, Ourense será a única grande cidade con final de etapa.
  • O percorrido alternativo, proposto polo propio alcalde á organización do evento ciclista, amosará toda a peculiaridade de Ourense desde o aire.

Ourense, 2 de outubro de 2020.- O próximo 4 de novembro a 75ª edición de ‘laVuelta’ ciclista a España chegará a Ourense nunha etapa con meta no Seminario Maior. Esta alternativa -a meta estaba inicialmente prevista no alto da rúa Pena Trevinca, á que os ciclistas accederían logo de percorrer as rúas máis céntricas da cidade- foi proposta polo propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, para cumprir coas restricións ás que obriga a pandemia da Covid19 e evitar aglomeracións no núcleo urbano.

Integrantes da organización de laVuelta desprazáronse onte para recoñecer esta alternativa in situ, que consideraron “espectacular” no plano deportivo e de retransmisión televisiva: o Seminario maior é un emprazamento ideal para observar a cidade a vista de helicóptero.

A proposta de Pérez Jácome inclúe tamén a aproximación a meta: en vez de entrar polo barrio da Ponte e percorrer o centro da cidade, o pelotón accederá á meta desde a N-120, pasando baixo as pontes máis significativas de Ourense. Ademais, os últimos 900 metros -dos case 200 km que percorrerán os ciclistas desde Lugo- contan con desniveis entre o 8% e do 9% desde o barrio de Vista Fermosa, e o trazado até o Seminario é idóneo para un emocionante final de etapa.

A organización de laVuelta considera que esta nova variante permite cumprir coas restricións sanitarias -evitar aglomeracións e público nos últimos metros- e é compatible coas necesidades da organización, xa que o campo de fútbol das instalacións do Seminario pode acoller toda a caravana ciclista.