A VI Subida a Xunqueira de Ambía volve ao calendario automobilístico galego

0
Presentación da VI subida en Xunqueira de Ambía. Asisten Rosendo Fernández (VicePresidente da Deputación), Jose Luis Gavilanes Losada (alcalde de Xunqueira de Ambía), Xosé Luis Cid (Presidente Escudería Xunqueira de Ambía) e Xosé Luis Cid Prado (VicePresidente escudería Xunqueira de Ambía).
  • A Deputación de Ourense colabora con esta proba que se celebrará os días 24 e 25 de agosto.

A VI Subida a Xunqueira de Ambía, tras oito anos de parón, volve ao calendario automobilístico galego, citando a máis de 40 pilotos os días 24 e 25 de agosto. A presentación desta proba tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes; e do presidente e do vicepresidente da Escudaría Xunqueira de Ambía, Xosé Luis Cid e Xosé Luis Cid Prado.

A Deputación de Ourense colabora con esta competición «que deixou de celebrarse no ano 2011 e que, tras este parón, volve a retomarse unha iniciativa que xa daquela tiña moito éxito», dixo Rosendo Fernández, quen lembrou a gran acollida que ten o deporte do motor na provincia de Ourense.

Pola súa parte, o alcalde de Xunqueira de Ambía dixo que esta proba «forma parte da programación cultural e deportiva que temos este verán no noso municipio, sendo unha proba potente e importante, que volvemos a poñer en marcha coas ilusións renovadas». Ademais, a Subida a Xunqueira de Ambía foi «unha competición masivamente seguida por xente do concello e de fóra do municipio, que contribúe a dinamizar o rural e que esperamos continuar a celebrar nos vindeiros anos», engadiu José Luis Gavilanes.

«Actualmente están inscritos 42 pilotos, pero aínda está aberto o prazo de inscricións ata hoxe ás 21.00 horas, polo que esperamos chegar aos 50 pilotos, superando a participación que había nas pasadas edicións», dixo o vicepresidente da Escudaría Xunqueira de Ambía. Os interesados en anotarse poden facelo a través da páxina web da Federación Galega de Automobilismo.

A VI Subida a Xunqueira de Ambía celebrarase en dúas xornadas de competición que traerán o Campionato de Galicia de Montaña á provincia de Ourense e tamén aos principais equipos do certame. A cita comezará o sábado 24 de agosto, coas verificacións administrativas e técnicas pola mañá e, tralos adestramentos oficiais disputaranse as carreiras oficiais ás 17.30 horas e ás 19.30 horas. Ao día seguinte, a competición comezará ás 9.30 horas co adestramento, e a partir das 11.30 horas celebraranse as carreiras oficiais. A entrega dos premios terá lugar na prazo do Concello ás 15.00 horas.

Nota de prensa de la Deputación Provincial de Ourense