Presentación da VI “Carreira Popular” de Monterrei.- Na sala de xuntas do Pazo Provincial terá lugar a presentación da VI edición da “Carreira Popular” do Concello de Monterrei, acto no que participará o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o presidente da Asociación deportiva Limiactiva, Óscar Gómez e o responsable da área de Deportes e Cultura do Concello de Monterrei, Marcos Meno.
  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo, que se celebrará o vindeiro domingo, 3 de novembro.

A VI Carreira Popular de Monterrei, proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada, celebrarase o vindeiro domingo, 3 de novembro. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o director deportivo da Asociación Limiactiva, Óscar Gómez; e o responsable da área de Deportes e Cultura do Concello de Monterrei, Marcos Meno.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba que aglutina «deporte e turismo» e que completa «o variado programa de actividades deportivas e culturais que ofrece o Concello de Monterrei», dixo Rosendo Fernández, quen destacou a importancia de desenvolver este tipo de eventos para «dinamizar o territorio e amosar a riqueza turística dos nosos municipios».

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei animou a participar nesta carreira «eminentemente familiar, unha boa oportunidade para facer deporte e gozar dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos que ten o noso municipio».

Nesta edición, ademais de disputarse a carreira absoluta e as carreiras escolares, celebrarase como novidade a proba «5k» cun percorrido de 5 quilómetros e o «Tapias Madriñán Duo Race» para competir por parellas, dixo Óscar Gómez, quen explicou que obxectivo é «aumentar a competición cunha proba de 5k, a de 10k que xa tiñamos e outra por parellas, para lograr un aumento da participación».

A saída e a meta da proba será na rúa Progreso, na localidade de Albarellos, ao carón da Casa de Cultura de Monterrei. O evento deportivo comezará coa carreira infantil-cadete, ás 10.30 horas, na que os participantes percorrerán unha distancia de 2.000 metros. Ás 10.50 horas será a quenda para a carreira benxamín-alevín cun percorrido de 1.000 metros e, ás 11.15 horas, será a saída das carreiras de 10 quilómetros, 5 quilómetros e Tapias Madriñán Duo Race. Ás 12.35 horas comezará a carreira prebenxamín de 400 metros e, por último, ás 12.45 horas será a saída da carreira pitufos de 200 metros. A clasificación será absoluta e por categorías.

Na proba «Tapias Madriñán Duo Race», os atletas deberán participar por parellas e un deles disputará a carreira de 10 quilómetros e o outro a de 5 quilómetros. A organización sumará os tempos dos dous compoñentes do equipo, establecendo unha clasificación por categorías: Duo feminino, Duo masculino e Duo mixto. Os tres equipos de cada categoría que menos tempo sumen serán os que suban ao podium. Un mesmo atleta non poderá estar inscrito no 10k ou 5k e participar como equipo na «Tapias Madriñán Duo Race», polo tanto non poden acumular premios individuais con premios en equipo. Por elo, á hora de realizar a inscrición deberán optar por unha das tres modalidades e no caso de anotarse na Duo Race terán que sinalar a distancia que van a facer.

Os interesados en participar poderán inscribirse a través da páxina web championchipnorte.com ata o 30 de outubro. O prezo da inscrición será de 5 euros para as carreiras de 10k, 5k e Duo Race, mentres que a participación nas carreiras escolares é de balde.

Nota de prensa de la Deputación de Ourense