A Veiga acolle a I carreira de ciclismo de montaña «BTT Trevinca»

0

A primeira ruta de ciclismo de montaña da Veiga, «BTT Trevinca«, dará a coñecer aos participantes a comarca e as súas paisaxes durante os 32 quilómetros de percorrido dos que consta esta proba que se celebrará o día 26 de novembro. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente do Club Deportivo Tres Lunas, David Álvarez Núñez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que o desenvolvemento deste tipo de iniciativas deportivas «non só fomentan a práctica do deporte e a vida saudable, senón que supoñen un pulo para a dinamización do territorio, dando a coñecer as potencialidades paisaxísticas e naturais que ofrece esta zona ourensá».

A ruta, de tipo circular, ten a saída e a chegada en A Veiga, pero tamén pasará polas localidades de Casdenodres, Castromarigo, Candeda, Prada e Santa Cristina. A saída da proba será ás 10.00 horas, e a entrega de dorsais efectuarase unha hora antes.

Pola súa parte, David Álvarez agradeceu que o Club Deportivo Tres Lunas, con sede en Valdeorras, poida organizar esta proba que supón unha oportunidade para dar a coñecer «o espectacular territorio que ofrece esta zona». Os interesados en participar poderán anotarse, por un custe de 10 euros, a través da páxina web trevincabtt.galitiming.com, ata o mércores, 22 de novembro.

«Trátase dunha proba para tódolos niveis e as inscricións están preto dos 200 participantes», sinalou David Álvarez, quen se congratulou pola «alta participación feminina». Nese mesmo senso, o alcalde da Veiga asegurou que esta iniciativa está a ser «un éxito de participación e de repercusión, porque unha competición así é unha ferramenta idónea para dar a coñecer o noso territorio». Asemade, Juan Anta lembrou que para continuar nesa aposta conxunta do deporte vencellado ao turismo, agasallarán aos participantes «cun bono de 4 euros para consumir en tódolos nosos restaurantes e bares».