Cunha renovada convocatoria, na que só repite un corredor respecto ao 2020, Jacobo Ucha estréase como seleccionador de Galicia sub23 no Campionato de España de Estrada que se celebra esta semana na provincia de Alicante. O combinado autonómico contará con dous representantes na contra o reloxo individual do venres e con oito ciclistas na carreira de fondo do sábado.
Raúl Casalderrey (G.D. Supermercados Froiz) e Guillermo García (Team Farto-BTC), o único ciclista con experiencia no campionato estatal de estrada, son os elixidos para a loita individual contra o reloxo, que terá como escenario a localidade de Busot. A CRI dispútase sobre unha distancia de 24,7 quilómetros e arrancará ás 10:30 horas.
García e Casalderrey volverán competir ao día seguinte na carreira en liña (16:30 horas) e compartirán equipo con Alejandro Paz (Aluminios Cortizo), Manuel Rodríguez (G.D. Supermercados Froiz), José Carlos Trillo (Team Oiense-Turonia Maglia), Yago Lorenzo (Team Oiense-Turonia Maglia), Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e Andrés Taboada (Vigo-Rías Baixas).
A proba de fondo terá como escenario La Nucía e presenta un percorrido de 133,4 km. Neste trazado destaca o Alto de Turrón Duro, un porto de case 5 km de lonxitude cun desnivel medio do 8,1% que os participantes deberán ascender en tres ocasións.
A selección que dirixe Ucha poderá aliñar a oito corredores despois de gañar unha praza máis grazas á celebración o pasado 6 de xuño do Gran Premio Concello do Porriño, un evento no que os ciclistas galegos sumaron puntos no rankingda Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) o que permitiu á comunidade subir postos na clasificación por autonomías.