A Selección de Galicia rematou cuarta no Team Relay do Campionato de España de Ciclocross

O sexteto dirixido por Guillermo Sande defendía o título acadado no 2017, pero desta vez quedouse a un paso do podio. Rematou cuarto nunha carreira que se adxudicou Cantabria.

0

Tres caídas na primeira remuda lastraron as opcións da Selección de Galicia na proba Team Relay coa que este venres arrancou o Campionato de España de Ciclocross na localidade guipuscoana de Legazpi.

O elite Darío Otero foi o elixido para completar a primeira volta e o infortunio cebouse con él. Ata en tres ocasións foise ao chan, o que o arrastrou á última posición cun tempo de 14:11. O seu testemuño colleuno o cadete Miguel Rodríguez, que comezou a achegarse á cuarta clasificada, Madrid, marcando un crono de 14:28. A remonta galega continuou coa sub23 Irene Trabazo, cun parcial de 14:57, e Galicia colocouse cuarta coa entrada en acción do master-30 Luciano Carretero, cun rexistro de13:19.

As medallas xa eran inalcanzables e o júnior Carlos Canal consolidou a posición de Galicia realizando a penúltima volta en 12 minutos exactos. Por último, apareceu en escena o sub23 Samuel González, a quen se lle rompeu unha zapatilla ao tocar cun pao nunha curva. Ese contratempo levouno a asinar un tempo persoal de 12:47 e o rexistro global da Selección foise ata 1:21:42. Cantabria venceu detendo o reloxo en 1:16:48 e con tan so cinco segundos de marxe sobre Asturias. Co bronce fíxose Catalunya (1:17:55).