A Selección de Galicia pecha con boa nota a Vuelta Ciclista Júnior Ribera del Duero

0

Raúl Casalderrey formou parte este domingo da fuga do día na Vuelta Ciclista Júnior Ribera del Duero, unha rolda de catro días na que a Selección de Galicia completou unha destacada actuación. Ocupando a sétima praza por equipos, o mellor representante do combinado autonómico na xeral final foi Manuel Rodríguez (13º). O galego Miguel Ángel Mera (MMR Academy) obtivo o terceiro posto na última xornada.

Con saída e chegada en Aranda del Duero, a cuarta e derradeira tirada disputouse sobre 113,7 quilómetros. No treito inicial Casalderrey escapouse xunto a Enekoitz Azparren (Cartagena) e Ángel Casillas (Sanse). Este terceto chegou a manexar unha máxima vantaxe de dous minutos e o representante da Selección de Galicia aproveitou para pasar en cabeza polas Metas Volantes dos quilómetros 35 e 42.

O combinado autonómico estaba moi satisfeito co transcorrer da xornada ata que no penúltimo porto, no km 59, empezou a torcérselle a carreira coa caída de Manuel Sampedro, que lle obrigou a abandonar. Non foi o único contratempo e máis adiante tamén ía ao chan Daniel Sanín, que puido continuar.

O triunfo de etapa decidiuse ao esprint unha vez neutralizada a fuga, con Casper Van Unden (Acro Pauwels) impoñendo a súa potencia. Mera rematou terceiro e no mesmo tempo do gañador tamén cruzaron a liña de meta Brais Gómez (18º) e Manuel Rodríguez (34º).

Carlos Sánchez (Kometa) ratificou o seu éxito na xeral, clasificación na que Manuel Rodríguez puido ascender unha posición e concluír 13º, por diante de Mera, mentres que Brais Gómez meteuse entre os vinte primeiros (20º). Outros tres corredores da Selección de Galicia conseguiron rematar a rolda burgalesa: Casalderrey (38º), Gianni Iannelli (61º) e Sanín (85º).

«Os rapaces comportáronse excelentemente ben, asinando unha última etapa de gran nivel», sinalou o seleccionador Guillermo Sande, que lamentou as dúas caídas deste domingo nas que os corredores galegos «víronse involucrados sen ter culpa».

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo