A Selección de Galicia elevou a cinco o seu botín de medallas no Campionato de España de Ciclismo Adaptado en Estrada

0

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo

A Selección de Galicia pechou o Campionato de España de Ciclismo Adaptado en Estrada celebrado durante a fin de semana en Salamanca con cinco presenzas no podio. A xornada máis fructífera para a delegación autonómica foi a do domingo, cando tres representantes do combinado galego alcanzaron medalla nas probas en liña. Mila López, Severino Mata e Iván Montero conseguiron rematar segundos nas súas categorías.

A baionesa López aboouse á prata en WH4. Acadouna na contrarreloxo individual do sábado e repetiu ese posto o domingo tras dar seis voltas ao circuíto da capital charra. A disposición no podio foi a mesma nas dúas xornadas, con Eva Moral (Madrid) como gañadora e Ione Basterra (Euskadi) na terceira posición.

A orde variou noutra das probas de handbike, na de MH5. Montero quedouse a sete segundos de asinar un dobrete nestes campionatos. Gañador da CRI, nesta ocasión o coruñés finalizou por detrás de Juan Tamarit (Valencia) despois de sete voltas. A terceira praza, do mesmo xeito que o día anterior, correspondeulle a José Vicente Arzo (Unlimited Wheels).

O quinto e definitivo metal da Selección en terras salmantinas levou a sinatura de Severino Mata en MC5. Quinto na contrarreloxo, escalou ata o segundo posto na carreira de fondo. O gañador foi o murciano Juan Antonio Sánchez e coa terceira posición fíxose Jairo Ruiz.