A SD Compostela entrega máscaras personalizadas a todo o equipo

O presidente Antonio Quinteiro realizou a repartición de material esta mañá no adestramento. O club agradece ao Concello de Santiago a súa colaboración e axuda en todo este tempo

0

Santiago de Compostela, a 25 de Xuño de 2020.- Xogadores e corpo técnico da SD Compostela recibiron no adestramento desta mañá, de mans do presidente Antonio Quinteiro, máscaras personalizadas do club para que poidan empregalas nas situacións do día a día e no Estadio Municipal Abanca Balaídos. Do mesmo xeito, o dirixente branquiazul lanzou unha mensaxe de apoio a todos de cara ao playoff exprés e tamén agradeceu ao Concello a súa colaboración durante todo este tempo.

Álvaro Casas e Antonio Quinteiro

Pasadas as 9.30 horas da matinal, Antonio Quinteiro saltou ao campo anexo San Lázaro II como un xogador máis para realizar a repartición de material entre todos os integrantes do Compos que participarán na fase de ascenso. Ataviado xa coa máscara personalizada do club, fixo entrega da mesma a cada un dos presentes.

Así mesmo, e antes de comezar a sesión, o presidente lanzou unha mensaxe de apoio a todos eles para o que vén por diante. No seu discurso, desexoulles toda a sorte do mundo para o playoff, á vez que resaltou que todos eles se atopasen en perfecto estado físico. Do mesmo xeito, preocupado en todo momento pola saúde dos nosos, Antonio Quinteiro agradeceu que non sufrisen ningún contratempo relacionado coa pandemia da covid-19.

Por outra banda, o presidente tamén quixo agradecer ao Concello de Santiago a súa colaboración desde a volta aos adestramentos. Por unha banda, destacou o labor do servizo de Deportes, poñendo especialmente en valor o estado das instalacións de xogo, cun céspede que presenta unhas condicións idóneas para a práctica do fútbol. E polo outro lado, remarcou o esforzo dos servizos de limpeza municipais, que garanten a seguridade de todos os integrantes do plantel, mercé ao seu traballo diario nos vestiarios do Vero Boquete de San Lázaro e do campo anexo San Lázaro II.

Charla Antonio Quinteiro

Por último, Antonio Quinteiro lembrou xa non só aos membros da SD Compostela, senón tamén a todos os afeccionados, que as máscaras do club xa están á venda na Tenda Online e nas oficinas do club (de luns a venres, de 10.00 a 13.00), adiantando ademais que pronto tamén estarán na Tenda Oficial da zona vella (Rúa da Raíña, 8), a cal reabrirá as súas portas en próximas datas.

As máscaras do Compos están á venda a un prezo de 10 euros. Con todo, tamén se poden adquirir no “Kit Playoff” que inclúe ademais da mesma, unha camiseta do primeiro equipamento e unha bufanda, por 59€. A máscara é hixiénica e reutilizable, certificada para 25 lavados. A súa presentación é en packaging individual 100% biodegradable.