A SD Compostela Atletismo volveu á acción nas pistas de Noia

0

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021.- A golpe de mércores, comezou a semana para os nosos con Santi Dapena, quen competiu en Pontevedra nos 200 metros lisos, acadando a súa mellor marca da tempada con 25.22, un rexistro que o sitúa como favorito para levarse a medalla de Ouro no Campionato Galego da próxima fin de semana.

O sábado, Yago participou co Millaraio no Campionato de Galicia de Clubs, onde resultaron campións. O noso atleta puido acadar a máxima puntuación ao ter gañado a súa proba de 3000 metros, mellorando o seu rexistro en máis de un minuto para deixalo en 9’39».

Pola súa banda, o domingo a SD Compostela Atletismo regresou ás pistas de Noia para participar en numerosas probas.

Na lonxitude, debutaron dous dos nosos cativiños, Alex Pena e Mateo Barreiro. Ambos repetiron máis tarde nos 500 metros, xunto con Daniela Gil, en Sub-8, e pasárono pipa.

Nos 1000 metros, participaron Marcos Barcala e Juan Dubert, Álvaro Muñiz e Lucía Taboada, Clara López, África Gil e Iara Torres.

Nesa mesma distancia, tamén participaron Ian Torres e Yago Iglesias. O primeiro rebaixou a súa mellor marca en nada menos que 11 segundos, mentres que Yago, como é habitual nel, tamén mellorou marca, nesta ocasión cunha gran mordedura de 6 segundos, deixándoa en 2’46».

Do mesmo xeito, nos 500 metros tamén tivemos debutantes, con Manu Barreiro e Gonzalo Dubert.

Mentres tanto, no que respecta aos adultos, Pedro Pazos participou nos 400 metros, con 1’04», mesma proba na que Damián Espasandín rexistrou uns 55″91.

Para rematar, pechouse esta gran xornada atlética ao aire libre, cos 200 metros lisos, onde tivemos a Amador Pena, con 26″89, e de novo a Damián, con 25″98.