A SD Compostela Atletismo regresou cunha dobre cita

0

Santiago de Compostela, a 22 de febreiro de 2021.- A SD Compostela Atletismo volveu a competir esta fin de semana. Os nosos regresaron ás pistas en Ourense e Pontevedra, cunhas xornadas nas que moitos dos atletas do noso club volveron a desfrutar do tartán, especialmente na cita na cidade do Lérez, logo do parón obrigado pola situación sanitaria.

A fin de semana arrincou o sábado en terras ourensáns coa presenza de Emilio e Cielos na pista cuberta. A primeira en participar foi Cielos, quen non para de bater marcas persoais en todas as súas participacións nos 60 metros lisos. Desta vez, deixou o seu mellor rexistro no límite para romper os 9 segundos. Pola súa banda, Emilio debutou na distancia cun fantástico papel.

Con todo, o principal grupo compostelanista estivo en Pontevedra, o domingo, onde participaron 20 atletas do club.

Nunha mañá soleada, o día comezou coa proba dos 3.000 metros lisos, na que abriu a sesión a serie de Amador Pena, quen acadou a súa mellor marca ao aire libre, 9.07, e moi preto da súa mellor marca absoluta na distancia. Bo debut coas nosas cores tamén para Brais Pérez, cun resultado de 11.02. Yago Iglesias, pola súa banda, volveu a competición baixando tamén amplamente dos minutos. E, por último, Jordi Carrasco, que tamén debutaba coa nosa camisola, remataba a súa serie cun magnífico rexistro de 9’55», acadando o primeiro posto na mesma.

Nos 1500, Iván Abeledo acadou un gran rexistro, moi preto da súa mellor marca, deixando o crono en 4’35».

Na mesma distancia, pero en categoría feminina, a SD Compostela tivo unha actuación máis que destacada de Elena Veres, que no seu debut na distancia e segunda proba en pista marcou 5’47».

Nos 800 metros, Amador, quen dobrou proba, marcou un fantástico 2’03», gañando a súa serie nun emocionante sprint final, moi preto da súa mellor marca absoluta. Gonzalo Cao e Simón Vigo participaron noutra serie, marcando 2’24» e 2’28», respectivamente. Mentres que na seguinte serie competiron ata cinco atletas do club: Brais Picón, cunha estupenda marca de 2’10»; Martin Muiño, con 2’25»; Brais Pérez, tamén dobrando con 2’33»; Pedro Pazos, debutando na distancia con 2’35»; e Jesús Cabo, que tamén debutaba e que estivo moi preto de baixar dos tres minutos.

Pola súa banda, nas femininas dos 800, Ainoa Gontán gañaba a súa carreira, correndo en solitario de principio a fin para rexistrar uns fenomenais 2’32», seguida de Noa Taibo, con 2’42»; Lara Castro con 2’50»; Sabela González, 2’52»; e Candela Porto 2’57.

E na seguinte serie estiveron Lea Mota, con 2’39»; Uxía Bouzas, con 2’54»; e Antía González; con 2’58».

E para rematar, nos 400 metros, Juan Alvarellos estivo a piques de romper a barreira do minuto con 1’00»; nunha proba na que tamén estiveron Emilio García, con 1’02» e Yago Iglesias, dobrando e rexistrando 1’05».