A SD Compostela 21/22 xa está en marcha

Os branquiazuis realizaron esta mañá o primeiro adestramento da pretempada.

0

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.- A SD Compostela 2021/22 xa está en marcha. A escuadra branquiazul iniciou esta mañá a pretempada co seu primeiro adestramento do ano, un curso no que competirán na Segunda RFEF. Foi unha xornada de presentacións e de toma de contacto para todo o que vén por diante.

Neste primeiro día, tras superar os correspondentes test de antíxenos, o traballo do equipo comezou no ximnasio do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, cun test físico. Posteriormente, os nosos saltaron ao Anexo San Lázaro II, onde recibiron unha charla do presidente Antonio Quinteiro e outra do adestrador Rodri Veiga.

O dirixente da entidade animou aos xogadores para formar unha gran familia, recalcoulles a oportunidade que teñen de crecer no club e instoulles a loitar como equipo para lograr grandes metas. Ademais, sinalou o apoio que terán da entidade e da afección en todo momento.

Na mesma liña, o adestrador branquiazul, tras presentar ao seu corpo técnico e indicar as liñas a seguir durante a tempada, subliñou a importancia de traballar dende o primeiro día coma un equipo.

Fichajes: Fer Beltrán (izquierda), Rafa Mella, Pablo Durán, Salado, Parapar y Jordan.

Despois de ambas charlas, os xogadores branquiazuis realizaron un par de exercicios con balón, para terminar esta toma de contacto con outro test físico no terreo de xogo.

Nesta estrea da pretempada, non puido estar Joel, quen se mantén en corentena por estar en contacto cun positivo. Do mesmo xeito, o canteirán Yosi substituíu a Yago, tamén de baixa médica.

Rodri Veiga. Antes de comezar o adestramento, o novo técnico da SD Compostela valorou o arranque do proxecto branquiazul nesta nova tempada, na que estará ao mando por primeira vez.

Ilusión. Estou con moita ilusión, motivado, con gañas de coñecer aos novos xogadores, de desenvolver un proxecto, de continuar coa idea que nos trouxo ata aquí, de implementar novas ideas e de que aos poucos o equipo vaia a máis para chegar á primeira xornada de liga coas ideas traballadas, e afrontala con garantías.

Debut contra o Pontevedra. É un partido bonito, todas as tempadas é importante empezar ben. Tocounos un dos rivais que está predestinado a estar arriba, pero son da opinión de que canto antes os collamos, mellor, tanto para testarnos nós como para que non teñan tanto rodaxe. Ademais, é un derbi, coas connotacións que iso ten, pero ao final son tres puntos, polo que me centro máis en comezar ben a tempada que noutras cousas.

Foto canteranos: Mario (izq.), Roque, Izan y Yosi.

Gañas de traballar. Tivemos baixas importantes e outras que decidimos nós porque criamos que era importante meter sabia nova no vestiario. Por iso, temos gañas de traballar, de coñecernos e de que os novos xogadores se adapten ao noso estilo e nós a eles. Estou moi motivado e con ganas de xerar bo ambiente e bo grupo. Temos ganas de traballar, pero isto é un xogo e tamén hai que tentar divertirse.

Dirixir ao equipo. É unha honra poder adestrar ao equipo da túa cidade, iso xérame unha maior autoexigencia, que me poño eu. É unha motivación enorme e teño moitísimas gañas de responder á confianza do club.

Perfil das fichaxes. Unha das cousas que buscamos, a parte de versatilidade, é o dinamismo. Os xogadores que se marcharon eran futbolistas que nos daban unhas características e buscamos características similares nalgúns dos novos, mentres que noutros buscamos ter variantes. A idea é poder seguir desenvolvendo un modelo, cambiando cousiñas, porque ano a ano hai que volver a reinventarse. As fichaxes teñen un perfil de xente dinámica, de calidade, boas persoas, con gañas de traballar e con fame no fútbol.

Partidos amigables. Tentamos planificar o suposto nivel dos amigables en función do que nos interesaba dende o punto de vista temporal. Evidentemente, o partido contra o Lugo cóllenos demasiado rápido, con só unha semana de traballo, pero imos tentar afrontalo da mellor maneira posible. E despois, o que traballemos durante a semana, tentar desenvolvelo neses partidos. Neste sentido, queremos ter tempo entre amigables para poder adestrar, coñecernos e xerar relacións entre os xogadores. Estamos un pouco a expensas da Copa RFEF, pero tal como está exposta a pretempada é o adecuado.

Esixencia dende o primeiro día. O que quero mostrarlles é que dende o primeiro día están a xogarse cousas. A min tróuxome ata aquí o traballo diario, sen poñerme metas máis aló, pensaba en facer o meu traballo o mellor posible día a día e é o que lle quero inculcar aos xogadores. Quero ver boa actitude sempre, estarás máis ou menos acertado, pero que se tomen todos os partidos coa máxima intensidade. A Copa RFEF achégache outras cousas, como a tensión competitiva, pero máis aló diso, quero que se afronten os amigables coma se fosen partidos de liga.