• A Deputación de Ourense que forma parte do Padroado de Expourense, aprobou unanimemente, este proxecto que será realidade antes do remate de 2016.

  • Manuel Baltar afirmou: «Estamos preparados para acoller esta infraestrutura. Expourense é un escenario inmellorable, o escaparate nacional e internacional da provincia»

  • O alcalde de Ourense destaca que o anuncio: “sitúa a Ourense como lugar de referencia para o deporte galego e será un revulsivo para o comercio e a hostelería da cidade”

 

 O Padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, vén de aprobar no día de hoxe a firma dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral para o Deporte, para a construción no recinto feiral da primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia. No Diario Oficial de Galicia publicarase o anuncio da licitación conxunta do proxecto e da obra que, sufragada integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte, ascenderá a mais de 2.700.000 euros.

 

Trala aprobación da firma deste convenio, na que estivo presente o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez destacou que este anuncio “sitúa a Ourense como lugar de referencia para o deporte galego”. Jesús Vázquez recalcou tamén que “estamos ante unha nova mostra da importancia da cooperación institucional para atraer inversións de futuro, cun proxecto que articulará dúas facetas de gran repercusión na economía da cidade: a deportiva e a feiral de exposicións”, concluindo que “captar inversións productivas e sostibles é unha das máximas deste goberno municipal co fin de artellar proxectos de futuro que redunden no beneficio de toda a cidade, pois situar a Ourense no circuito nacional do atletismo será un revulsivo para os sectores económicos como a hostelería, o comercio e o turismo da cidade”.

 

A licitación incluirá todos os traballos necesarios para conseguir a homologación clase C (PC I) da pista por parte da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). Esta categoría de homologación é a máis alta que outorga a RFEA para pistas cubertas, e permite a realización de todo tipo de competicións de nivel nacional e incluso internacional, dotando a instalación das bancadas e instalacións auxiliares necesarias.

 

A pista contará con 6 calles en pista circular de 200 metros de perímetro, 8 calles en pista recta, zona de lanzamento de peso, zona de salto de altura, corredor de salto de lonxitude e triplo e corredor de salto con pértega.