A pista cubierta de Expourense acolle este domingo a mellor selección de deportistas no Campionato de Galicia

0

 

– O alcalde anima á cidadanía a desfrutar desta “fermosa, apaixonante e espectacular exhibición colectiva de talento e competitividade en tan diferentes especialidades

-“Todos sabiamos que a pista cuberta era unha aposta moi importante que ía consolidar Ourense como unha cidade perfecta para o desenvolvemento de grandes campionatos”, destaca Jesús Vázquez

– A gran festa do atletismo en Galicia celébrase por segundo ano consecutivo na pista de Expourense

 

A cidade de Ourense reunirá este domingo a mellor selección de atletas da comunidade coa disputa do XXXIV Campionato de Galicia Absoluto e Sub23 en Pista Cuberta. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o concelleiro de Deportes, Mario Guede, o vicepresidente Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez e o delegado en Ourense,  Ángel Fidalgo, e a interventora de Expourense, Cristina Álvarez, participaron na presentación da proba, que terá lugar na pista cuberta de Expourense, en xornada de mañá e tarde.

 “A cidade de Ourense volve ser escenario por segundo ano consecutivo da gran festa do atletismo na nosa comunidade autónoma”, salientou o alcalde, quen convidou a cidadanía de Ourense a que se acheguen a presenciar esta competición, “pois sei que só quen o ten probado sabe qué fermoso, apaxionante e espectacular resulta asistir a unha exhibición colectiva, como esta, de talento e competitividade en tan diferentes especialidades”.

O rexedor destacou que a celebración desta proba na nosa cidade vén confirmar que a pista cuberta de Ourense “se leva consolidada como unha pista de referencia nun breve espazo de tempo”, sendo “unha das tres máis importantes de España, na súa categoría, e entre as mellores a nivel mundial”.

“Todos sabiamos que (a pista cuberta) era unha aposta moi importante que ía consolidar a Ourense como unha cidade perfecta para o desenvolvemento de grandes campionatos”, incidiu Jesús Vázquez. Neste sentido sinalou que Ourense espera recibir a unhas 1.400 persoas con motivo desta competición, entre atletas e acompañantes.

Tamén salientou a importancia destas instalacións Eladio Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, que afirmou que “aínda que está ubicada en Ourense é a pista de atletismo de Galicia e referente do tecido atlético galego”.

O Campionato

En xornada de mañá e tarde sucederanse, e en ocasións de xeito simultáneo, as competicións de salto de altura, de lonxitude, triplo, con pértiga, lanzamento de peso, carreiras de 60 metros lisos e vallas, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000. “Será un fantástico plan de domingo de inverno, para gozar en solitario, en parellla, coas amizades ou coa familia”, concluiu Jesús Vázquez.

A competición máis importante do ano en Galicia

Esta é a competición máis importante a nivel autonómico que se disputa anualmente en pista cuberta, e nela que participará a máis completa escolma de atletas de Galicia nas modalidades de carreiras, saltos e lanzamentos.

Nesta edición o campionato está incluído no calendario nacional da Real Federación Española de Atletismo, o que habilita a participación de atletas do resto de España e doutras nacionalidades sempre que teñan un nivel deportivo acreditado cunha marca superior a 900 puntos por táboa IAAF, da Asociación internacional de federacións de atletismo.

Crece así a competitividade da proba e abre a posibilidade de que atletas de fóra de Galicia podan vivir a experiencia de competir nunha das mellores pistas de España e do mundo, como é a de Ourense.

Finalmente, o alcalde quixo poñer en valor en nome da cidade “canto de bo nos está a proporcionar a nova pista cuberta de atletismo, co seu calendario estable de grandes propostas deportivas”, e agradeceu o “bo traballo que todas as institucións e a comunidade deportiva: atletas, equipos, asociacións, etc. están a desenvolver para que ese reto que foi un día dotar Ourense deste equipamento deportivo sexa hoxe unha estupenda realidade que funciona a pleno rendemento. Algo do que nos sentimos moi orgullosos”.