• Participarán 150 nadadoras dos sete clubs galegos, e servirá como preparatorio para o campionato de España.

  • As probas comezarán ás 16:45 horas, e previamente haberá un exercicio de quecemento con música.

 

Un total de 150 nadadoras dos sete clubs de Galicia (o Portamiñá de Lugo, o Rías Baixas de Vigo, Sincro Pontevedra, Sincro Ferrol, Galaico Sincro de Pontevedra, Real Club Náutico de Vigo e o Sincro Ourense, organizador da cita xunto coa Federación Galega de Natación) competirán este sábado na piscina Rosario Dueñas na modalidade de rutinas de nivel. O campionato, presentado esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense, contará coa participación de 30 deportistas locais.

“Ourense estase a converter en referente deste tipo de competicións”, asegurou o alcalde, Jesús Vázquez, durante a presentación. Non en van, son os terceiros campionatos galegos que se celebran nas augas de Ourense nos últimos meses e, neste caso, servirán como preparatorio para os campionatos de España de sincronizada. Cada equipo presentará tres coreografías: unha en categoría alevín, outra en categoría infantil e outra en categoría junior-absoluta e, en total, serán 18 os combos participantes. É dicir, que “durante a coreografía deberá haber solos, dúos, tríos, etc. ademais do exercicio de sincronización coral”, explicaba a presidenta do Club Sincro Ourense, Luz Abadín. “Un espectáculo visualmente imperdible”, concluía o rexedor. 

A competición disputarase hoxe sábado 18 a partir das 16:45 horas, e previamente haberá un quecemento oficial con pase de música. A cita será “o mellor escaparate para demostrarlle ao público todo o que se traballa neste deporte”, aseguraba Abadín na presentación.

Comentarios