A piscina Rosario Dueñas acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo

0

 

 

Polo de agora hai 236 deportistas inscritos, pero a inscrición para o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo, que se celebra esta fin de semana en Ourense, permanece aberto. En total, son 11 clubs de toda Galicia os que competirán na piscina Rosario Dueñas da cidade nun evento que foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense e para o que hai opcións de éxito entre a delegación ourensá, especialmente nas figuras de Ecequiel Quiroga e entre os deportistas da categoría ‘máster’. 

“Xa son tres veces consecutivas as que Ourense acolle esta competición dada a calidade da nosa instalación e a súa adecuación para este deporte, a Federación confía en Ourense para a organización deste evento, que congrega en cada edición a máis de 600 persoas que disfrutan, como público, desta disciplina deportiva”, aseguraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Así, os clubs participantes serán os de Pontevedra, Sanxenxo, A Estrada, Vilagarcía, Umia (Caldas de Reis), Arteixo, Laracha, Cerceda, Sada, Carballo e Salvamento Ourense Salvour como equipo anfitrión e coorganizador coa Federación Galega.

Era precisamente José Manuel Paredes, presidente do Club Salvour, quen explicaba que “non se trata exactamente dunha actividade de rescate, aínda que bebe dela, senón dunha actividade deportiva”. A entrada ás instalacións será aberta e de balde, e as diferentes competicións (xuvenil, junior, absoluto e máster) comezarán ás 10:00 e 16:30 horas, o sábado 4, e ás 10:00 horas o domingo 5.