Tras non poder desenvolverse na data inicialmente prevista do pasado 20 de marzo ao coincidir co inicio da campaña de desprazamentos da Semana Santa, a Marcha homenaxe ás víctimas do accidente de A Guarda celebrarase o vindeiro 1 de maio

 

A Federación Galega de Ciclismo e a Federación Galega de Tríatlon xa dispoñen de todos os permisos necesarios para levar a cabo esta concentración na honra do falecido José Antonio Casas Pérez (Ñito) e do resto de deportistas involucrados no tráxico suceso do 12 de marzo na PO-552.

 

Marcha 1 maioO lugar de concentración será a Ponte Romana da Ramallosa, no concello pontevedrés de Nigrán, onde ás 10:00 horas arrancará o pelotón formado por todas as persoas que se desexen sumar a esta iniciativa para percorrer en bicicleta o traxecto ata o punto do sinistro.

 

O accidente do que xa se cumpriu un mes custoulle a vida a Ñito, membro do clube Miñor Bike, e deixou sete feridos máis, tres deles aínda hospitalizados, que pasaron a engrosar a lista negra de víctimas mentres practicaban deporte nas estradas galegas e españolas nos últimos tempos.

 

Lucindo crespóns negros en sinal de loito, os participantes rodarán aproximadamente durante hora e cuarto atravesando os concellos de Nigrán, Baiona, Oia e A Guarda, onde deixarán de dar pedais no escenario do accidente, no punto kilométrico 44 da estrada PO-552. Alí, procederase a ler un manifesto de apoio aos achegados das víctimas e no que se reivindicarán respeto e medidas a prol dos usuarios da bicicleta.