A loita do Celta serve para sacar un punto ante o Atlético (1-1)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 1-1 Atlético de Madrid

Aliñación RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Aidoo, Murillo, Jorge Sáenz, Lucas Olaza, Okay, Fran Beltrán, Brais Méndez, Smolov e Iago Aspas.

Aliñación Atlético de Madrid: Oblak, Lodi, Giménez, Savić, Arias, Correa, Saúl, Thomas, Koke, Morata e Llorente.

Goles: 1-0, min. 1 (Morata). 1-1, min. 49 (Fran Beltrán).

Árbitro: Sánchez Martínez

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

A pesar do gol demasiado temperán do Atlético de Madrid, o Celta conseguiu loitar e sacarlle un punto a un dos mellores equipos da Liga. O empate celeste chegou no segundo tempo por medio de Fran Beltrán, un lanzamento difícil de crer que finalmente acabou ben, para sorpresa de todos.

Nada máis comezar, o Atleti aproveitou a primeira xogada, coa banda dereita do Celta libre e a defensa mal posicionada, para poñerse por diante cun gol de Morata. Ademais, o balón tocou en Fran Beltrán e a continuación chegoulle ao dianteiro atlético para marcar sen oposición. Nos seguintes minutos, os colchoneiros realizaron a táctica común de defender o resultado sen deixar espazos ao rival. O Celta intentábao, pero non había oportunidades claras. Brais Méndez atreveuse con algúns lanzamentos e Aspas intentaba abrir ocos na área do Atlético.

Na segunda metade, o Celta entrou coa disposición de mudar o resultado, e así foi. Como no inicio fixeran os visitantes, nesta ocasión os celestes anotaron o empate na primeira xogada de ataque. Brais centrou e Fran rematou o balón pola escuadra, recordando ao tanto de Mario Bermejo anos atrás. Despois o Celta arriscou algo máis e Brais (sustituído despois por Rafinha), Iago Santi Mina (entrou por Smolov) tiveron algunhas oportunidades. O Atleti non estaba conforme co resultado e o Cholo deu entrada a varios cambios para intentar anotar. Non o fixeron, en parte pola boa actuación de Iván Villar, que volvía á portería celeste pola lesión de Rubén Blanco. No tempo de desconto Bradaric entrou ao campo por Iago Aspas.

Con este resultado, os celestes están a 6 puntos do descenso, que marca o Mallorca. O vindeiro sábado toca visitar a Osasuna, un rival con dez puntos máis, pero unha boa oportunidade para rematar a permanencia. Este equipo sabe e pode loitar, cada vez estamos máis preto.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander