A Gala Ciclismo Galego regresou en Vilagarcía cargada de emoción

A Federación autonómica entregou máis de 170 premios por resultados dos dous últimos anos e a título póstumo rendeu tributo a tres figuras históricas: Guillermo Sande, Ernesto Falcón e Adolfo Soliño.

0

Tras non poder celebrarse no 2021 por mor da pandemia, o Ciclismo Galego recuperou este sábado a súa Gala no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. Foi un serán cargado de emoción coa homenaxe póstuma a tres figuras históricas: Guillermo Sande, Ernesto Falcón e Adolfo Soliño. Nun acto no que a Federación Ciclismo Galego (FCG) quixo poñer en valor o esforzo conxunto de todos os estamentos para seguir pedaleando durante a pandemia, entregáronse dezaoito Mencións Especiais e máis de 170 premios polos resultados dos dous últimos anos.

A elección de Vilagarcía como escenario da Gala serviu á FCG para distinguir a este concello polo seu modelo de mobilidade sostible apostando polas ciclo vías e promocionando o uso da bicicleta. A outra Mención Especial concedida á capital de Arousa recaeu nun dos seus veciños máis ilustres. Gustavo César Veloso puxo a finais do 2021 o punto final a unha excepcional traxectoria de 20 anos como corredor profesional. No día do seu 42 aniversario, o dobre gañador da Volta a Portugal e da Volta a Cataluña 2008 non puido asistir a recoller o galardón á súa carreira debido ás súas obrigas como director deportivo do conxunto portugués Tavfer-Measindot-Mortágua e no seu lugar recibírono a súa muller e o seu fillo.

A un dos pais deportivos de Veloso, a Ernesto Falcón, tamén se lle rendeu tributo, pero de xeito póstumo. O eterno presidente do Club Ciclista Cambados, e vicepresidente da Federación autonómica durante 16 anos, faleceu o pasado mes de decembro, días despois do pasamento doutro dirixente inesquecible como Adolfo Soliño, presidente dende 1987 do Club Ciclista Cangas. A emoción tampouco se puido conter ao lembrar a Guillermo Sande. O pasado 10 de xaneiro cumpriuse o primeiro aniversario da morte de quen dedicou case 25 anos da súa vida a traballar a prol do ciclismo exercendo de técnico da FCG.

“O 2021 foi un ano cruel de principio a fin co noso ciclismo” resumiu Terio Carrera, presentador da Gala e que estivo acompañado na animación polo humorista Pepo Suevos. A FCG outorgou catorce Mencións Especiais máis: a Sinesio Vázquez e a José Luis Padín, ao xubilarse como árbitros; a Ángel Suárez, como mellor ciclista galego a nivel internacional no 2021; ao Team Farto-BTC, por converterse no primeiro equipo profesional galego feminino; a Carlos Canal, Samuel Blanco e Guillermo García Janeiro, por dar o salto ao pelotón profesional; ao Vigo-Rías Baixas e ao Supermercados Froiz, gañador e segundo clasificado, respectivamente, do Ranking Élite español 2021; ao Aluminios Cortizo e ao Vigo-Rías Baixas, vencedor e segundo clasificado, respectivamente, do Ranking Élite español 2020; á TVG2, pola súa difusión do ciclismo; e a Protección Civil de Galicia-AXEGA, pola súa colaboración nos eventos de ciclismo.

Diplomas por resultados

A Gala tamén serviu para premiar os resultados deportivos máis sobranceiros dos dous últimos anos. Entregáronse máis de 170 diplomas. Polo escenario do auditorio vilagarcián desfilaron as gañadoras e os gañadores dos Rankings FCG 2021 de Estrada, BTT e Ciclocrós; as ciclistas e os ciclistas que conseguiron medallas nos Campionatos de España, e aquelas e aqueles que subiron aos podios finais das Copas e dos Opens de España tanto no 2020 como no 2021. Ademais, de xeito excepcional coroouse ás tres primeiras e aos tres primeiros da Copa Galicia Cadete de Estrada, unha cerimonia que no seu día non se puido realizar nas mellores condicións.

“Detrás dos deportistas hai moita xente traballando e nesta época de adversidades o ciclismo galego sóubose inventar de novo e traballar cóbado con cóbado para saír ás estradas e facer eventos con garantías sanitarias”, sinalou Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, que subliñou dous datos: “As licenzas aumentaron un 20% no último ano e para esta temporada 2022 temos no calendario uns 180 eventos”.

A directiva e o equipo de traballo da FCG estiveron acompañados por representantes de entidades públicas e privadas: Tanía García, tenente alcaldesa de Vilagarcía; Miro Senén, concelleiro de Deportes; Ramón Pereiro, xefe territorial da Consellería de Presidencia Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra; Daniel Benavides, xefe do servizo da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra;  Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes da Deputación de Pontevedra; Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas; Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes de Ponteareas; e Manuel Tanoira, xefe de ventas de Toyota Compostela Móvil.