A carreira popular Feira do Viño do Ribeiro terá lugar o 3 de maio e estará enmarcada dentro das actividades da Feira. |
O Centro Cultural José Ángel Valente -antigo Banco de España- de Ourense acolleu a presentación da segunda edición da carreira popular Feira do Viño do Ribeiro, que terá lugar en Ribadavia o vindeiro 3 de maio.
Na presentación estiveron o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge; o presidente do Cosello Regulador Denominación de Orixe do Ribeiro, Miguel Ángel Viso; e o presidente do Club organizador da carreira (Club deportivo Aurum), Eladio Gómez; acompañados do concelleiro de deportes de Ribadavia, José Prieto.
A carreira constará de tres probas (ademais da carreira de pitufos) abarcando todas as categorías (de benxamín ata veterán). A carreira absoluta, cun percorrido de 9.000 metros, tera a saída na rúa do Progreso, fronte á Alameda.
Durante o acto, o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, mostrou o seu respaldo a esta proba e sinalou que se trata dunha das actividades máis novidosas da edición 2015 da Feira do Viño do Ribeiro, cuxo programa completo será dado a coñecer proximamente.
Segundo o presidente do Consello Regulador Denominación de Orixe do Ribeiro, Miguel Ángel Viso, «esta carreira é importante porque España é dos países menos consumidores de viño, sendo dos máis produtores». Deste xeito, coa carreira «buscamos achegar o consumo de viño á xente nova, sempre apostando por un cosumo razoable», aclarou Viso.
Para Lalo Gómez, presidente do club organizador, Club Deportivo Aurum, a proba foi creada “para goce dos participantes. Serán 9.000 metros de carreira absoluta que transcorrerán polos viñedos e os lugares máis emblemáticos de Ribadavia». Ademais, Gómez adiantou que haberá «moitas sorpresas para os primeiros clasificados e para os participantes en xeral».
Así mesmo, quixo destacar que en Ribadavia «teñen experiencia na organización de eventos deportivos», como a primeira edición desta carreira popular e o Campionato Provincial de campo a través, entre outros.
Inscrición aberta
Con 300 atletas na súa primeira edición, os organizadores agardan que este ano participen na proba entre 400 e 500 corredores.
A inscrición xa está aberta na web www.carreirasgalegas.com e ten un custe, ata o 14 de abril, de 3 euros. Do 15 ao 29 de abril o prezo da inscrición será de 5 euros. Para os atletas menores de 18 anos a inscrición será de balde.
- PITUFOS 2008 e posteriores
- BENXAMÍN 2006 / 2007
- ALEVÍN 2004 / 2005
- INFANTIL 2002 / 2003
- CADETE 2000 / 2001
- PROMESA 1993 / 1994 / 1995
- XUVENIL 1998 / 1999
- JUNIOR 1996 / 1997
- SENIOR 1992 e anteriores ata veteráns
- VETERÁN A De 35 a 44 anos
- VETERÁN B De 45 a 54 anos
- VETERÁN C De 55 a 64 anos
- VETERÁN D Maiores de 65 anos
- Todos/as participantes da categoría PITUFOS recibirán unha medalla o rematar a súa participación na proba.
- Os tres primeiros clasificados/as das categorías BEN-ALE-INF-CAD-XUV recibirán unha medalla.
- Os tres primeiros clasificados/as das categorías JUN-PRO-SEN-VET recibirán unha medalla e un agasallo do Consello Regulador da D.O Ribeiro.
- Os tres primeiro/as clasificados da categoría ABSOLUTA recibirán un trofeo e un agasallo do Consello Regulador da D.O Ribeiro.
- Coa retirada do dorsal entregarase unha bolsa do corredor con produtos.
- Na zona de saída e meta encontrase persoal sanitario, ambulancia e avituallamento.
- Haberá servizo de duchas no Pavillón Municipal de Ribadavia O Consello.