A Deputación de Pontevedra estará presente un ano máis en Galiexpo, un salón adicado ao mundo do deporte, á saúde e o benestar, que terá lugar desde este venres 7 de febreiro ata o domingo 9 no IFEVI de Vigo.
Na presentación do evento, o deputado de Deportes, Gorka Gómez, subliñou que “na Deputación queremos estar presentes neste tipo de eventos que poñen en valor o deporte e fomentan hábitos de vida saudables porque van na liña que temos fixada co noso Plan Estratéxico de Deportes». Tamén resaltou que “este fin de semana a cidade de Vigo terá o foco deportivo a nivel nacional grazas a que estamos ante un evento único”.
Nesta ocasión, tal e como anunciou o deputado provincial, a institución provincial terá un stand informativo no «Pavillón All Sport» no que a Deputación de Pontevedra contará con material do seu programa “DEPOcomparte” e dípticos informativos dos diferentes programas deportivas que está a poñer marcha.
“DEPOcomparte” é un programa destinado a concellos e clubs deportivos para o préstamo totalmente gratuíto de material para eventos deportivos. Naceu coa filosofía de compartir todos os servizos da Deputación coa cidadanía e actualmente están a disposición: 4 arcos de meta, 2 podios, 8 toldos de 3×3, 8 sky dancers, 1 marcador electrónico, 2 bicicletas adaptadas e 2 kits de conos de 50.
Na mostra, que chega á terceira edición, a Deputación tamén terá información sobre diferentes programas cos que pretende promover os valores da actividade física e do deporte en toda a sociedade. Por exemplo, estarán en «Galiexpo» iniciativas como «DepoAndainas», «DepoRutas BTT” ou «DEPOrte escolas».
Na rolda de prensa de presentación anunciouse que parte do prezo das entradas irá destinado á Asociación Galega de Lupus.