A presidenta Carmela Silva recibiu ás capitanas e aos presidentes do Poio Pescamar de fútbol sala, o Atlético Guardés e o Balonmán Porriño e avanzou que o vindeiro ano o respaldo da institución provincial irá máis alá desta equiparación.

 

“Non se pode ser profesional sen recursos”. Así se manifestou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na recepción na sede provincial de Vigo ás representantes das xogadoras e dirixentes dos clubs de elite femininos da provincia, o balonmán Atlético Guardés , o Balonmán Porriño e o de fútbol sala Poio Pescamar. No acto, ao que tamén asistiu o deputado de Deportes, Gorka Gómez,  participaron as capitanas do Guardés, Lorena Pérez, e do Balonmán Porriño, Sarai Sanmartín, así como a xogadora Lucía Gómez do Poio Pescamar, acompañadas dos presidentes dos clubs.

A institución provincial ven de redobrar este ano o seu apoio aos clubs deportivos femininos de elite coa equiparación económica co deporte masculino. A presidenta provincial foi incluso máis alo ao anunciar que para o vindeiro ano este respaldo irá a máis. “Xa anuncio que para o ano que ven financiaremos un pouco máis os femininos que os masculinos. Non temos capacidade de grandes aumentos pero hai que seguir facendo xestos, e o asumo como un reto propio. Non valen as palabras, dixo, hai que apostar. E como teñen moitas máis dificultades e máis discriminación, pois haberá que facer discriminación positiva, ata cando todos esteamos igualados.  Así que para o ano 22 os equipos femininos que estean na elite van recibir máis recursos por unha cuestión de xustiza e obriga das administracións”.

Carmela Silva lembrou que desde o acceso do actual Goberno provincial, tomouse a decisión de aumentar os recursos ao deporte feminino así como as bases para financiar en maior medida aos equipos que o promoven. “Pero  faltaba un paso por dar que demandaban os equipos e tiñan razón –explicou-. Pedían que se equipararan os recursos dos equipos de elite masculinos e femininos, e este ano no actual orzamento o temos feito”. A presidenta agradeceu ás e aos representantes dos clubs esa reclamación “por algo que é xusto”. “É importante tomar conciencia –engadiu Silva- e apoiar ás mulleres no mundo do deporte. Sodes un exemplo e a Deputación non fai nada que non teña que facer, é unha obriga. Tedes que ser reivindicativas e esixir que os apoiemos, e quen ten que estar agradecida somos as administracións, aos clubs e a vosoutras, porque este esforzo o facedes dedicándolle moitas horas da vosa vida. E imos apoiarvos máis porque todo é pouco para que se poida seguir avanzando, e somos conscientes”.

As tres deportistas, “mulleres potentísimas, dixo Silva, que xa son referentes para futuras deportistas”,  agradeceron á institución provincial o seu respaldo ao deporte feminino. Lorena Pérez, do Guardés, incidiu en que “é importante sentirnos apoiadas porque non é un camiño fácil e ver que as cousas van mellorando e que estades aí e fundamental”. “É o camiño a seguir e deberiamos continuar para que a igualdade sexa un feito e teñamos que deixar de facer comparacións entre o masculino e o feminino e, para que sexamos un referente para os nenos e sobre todo as nenas –agregou-.  Ao final, cando tes o apoio e  iguais oportunidades sempre é moito máis fácil decidirte a practicar deporte e cumprir un sono, o de chegar a ser deportista profesional con todas as letras”.

Sarai Sanmartín, do Balonmán Porriño, tamén destacou a equiparación co deporte masculino e subliñou que “para o club e para as que formamos parte del vainos axudar nesta temporada e en anos posteriores seguro; ogallá que se sumen moitas máis”. “Nós temos moita ilusión por un bo proxecto e así poñédesnolo moito máis fácil”. Finalmente, Lucía Gómez, do Poio Pescamar, destacou que “estes recursos nos van axudar; necesitamos de institucións,  patrocinadores, recursos que nos fagan crecer para, entre todas e todos, facer máis grande o deporte feminino”.

A presidenta da Deputación agradeceu tamén aos dirixentes dos clubs (Jesús López no caso do Guardés, Abel Estévez no Porriño e Juan José García polo Poio Pescamar) o seu enorme esforzo para manter aos seus equipos na elite, máis na actual situación de pandemia “onde caeron os patrocinios privados porque a xente está como está”. Destacou que levan os equipos “a cambio de nada con vontade e fan un enorme esforzo e traballo para que o noso deporte sexa un gran exemplo a nivel nacional e internacional”.