Nota de prensa de la Deputación de Pontevedra

  • O campus deportivo especializado en porteiros de fútbol terá lugar entre os días 24 e 28 de xuño e celebrarase nas instalacións do Príncipe Felipe

A deputada de Deportes, Chelo Besada, presentou este luns 17 de xuño a segunda edición do Campus Azero Porteiros de fútbol Cidade de Pontevedra, que terá lugar nas instalacións do Príncipe Felipe do 24 ao 28 de xuño. Á presentación tamén acudiron Alberto Domínguez, porteiro do Coruxo CF e director do Campus; Edu Sousa, porteiro do Pontevedra CF e coordinador, e Toño Rodríguez, adestrador do Porteros 2000 e tamén coordinador da actividade.

Neste campus participarán 50 nenos e nenas de entre 7 e 16 anos. Tal e como indicou Chelo Besada, «ampliouse o número de participantes respecto o ano pasado, cando había un límite de 30, unha evidencia de que a pasada edición foi un éxito”.

Na súa intervención, o director do campus, Alberto Domínguez, agradeceu á Deputación o apoio ao proxecto e recalcou que «non só imos centrarnos no puramente deportivo pois queremos darlle importancia ao que pasa tamén fóra do terreo de xogo, subliñando os valores que se deben inculcar aos nenos».

Durante as 5 xornadas que dura o campus, amais de adestramentos, haberá charlas técnicas, sesións de vídeo e actividades de ocio no complexo de Príncipe Felipe. Cada día a actividade comezará ás 10.00h e rematará ás 19.00h.