Nun “acto de recoñecemento ao Pontevedra C.F., á súa directiva, aos seus xogadores e a toda a veciñanza que segue con paixón e fervor a este equipo”, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado responsable da área de Deportes, Gorka Gómez, recibiron na Sala de Xuntas do Pazo Provincial á presidenta do club, Lupe Murillo, e ao responsable da área económica e membro do consello asesor, Enrique Mariño.
A recepción estivo enmarcada no apoio da institución aos equipos de elite da provincia que, no caso do Pontevedra, supón unha colaboración de 160.000 euros. Tanto ambas as dúas presidentas como o deputado e o responsable económico do club luciron máscaras co escudo do equipo granate, ao que Carmela Silva ten un “cariño moi especial” e que definiu como “sinal de identidade non só da cidade senón de toda a provincia”.
A presidenta da Deputación sinalou que “dicir Pontevedra C.F. é escribir con letras de ouro o fútbol na provincia”. Neste senso, lembrou a necesidade de que as administracións públicas aposten polos clubs deportivos, xa que sitúan á provincia no mapa: “somos unha gran referencia en deporte e temos moito do que presumir en todas as disciplinas”. A presidenta quixo facer unha recepción especial a un equipo “que ten garra e forza e ao que lle desexo os maiores éxitos, un club que a Deputación leva no seu corazón e que merecía un recoñecemento particular” alén dos encontros que se levaron a cabo con outros clubs de elite durante as últimas xornadas.
Ademais, puxo de manifesto a súa paixón polo fútbol, un deporte que “move sentimentos e emocións e que é colectividade e socialización” e no que “hai momentos peores e mellores” pero o importante é que os equipos que “teñen alma, como é o caso do Pontevedra C.F., nunca a perdan”.
Que unha muller sexa presidenta dun club de fútbol non é algo moi habitual, por iso Carmela Silva recoñeceu o labor de Lupe Murillo e deixou claro que “as mulleres estamos acostumadas a enfrontarnos a todo e a máis”. Pola súa banda, Murillo agradeceu o “apoio e a posta a disposición da Deputación” co club. Subscribiu as palabras de Carmela Silva asegurando que “moitas das cousas que dixo forman parte do ADN do Pontevedra C.F.”, equipo que puxo á “disposición do deporte e da provincia de Pontevedra”.
A presidenta do club granate resaltou na súa intervención o sinxelo que é falar con Carmela Silva, á que se referiu como “unha amiga do Pontevedra C.F.”, porque ela “coñece, sofre e sinte paixón polo fútbol”.