A Deputación de Pontevedra celebra os éxitos do piragüismo pontevedrés en Hungría, “somos unha auténtica referencia a nivel mundial”

0
  • A institución provincial felicita a Teresa Portela, Rodrigo Germade, Pablo Graña e Pedro Vázquez Llenín polas medallas desta fin de semana no Mundial celebrado en Szeged

Unha vez rematado o Mundial de Piragüismo de Szeged (Hungría), a menos dun ano da celebración dos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, a Deputación de Pontevedra quere transmitir os seus parabéns ás e aos deportistas que participaron nesta competición internacional, especialmente a Teresa Portela, Rodrigo Germade,  Pablo Graña e Pedro Vázquez Llenín, flamantes medallistas.

A canguesa Teresa Portela, lenda do deporte non só pontevedrés senón tamén nacional, conseguiu a medalla de bronce en K1-200 metros, logrando para España a clasificación olímpica. De confirmarse a lóxica presencia de Teresa Portela nos Xogos Olímpicos do vindeiro ano converterase na primeira muller española en participar en seis citas olímpicas, igualando ao waterpolista Manel Estiarte e ao xinete Luis Álvarez de Cervera, con sete só está o marchador Chuso García Bragado. A Deputación de Pontevedra honrase de contar na súa provincia cunha figura tan destacada como a de Teresa Portela, que con este bronce xa suma 15 medallas mundialistas e 17 europeas.

Se Teresa Portela fixo historia cunha nova medalla mundial aos seus 37 anos, a promesa canguesa Pablo Graña, de só 20 anos, proclamouse campión do mundo en C-2 200 metros (distancia non olímpica) xunto ao madrileño Alberto Pedrero. A dupla na que participaba o canoísta do Naútico de Rodeira cruzou a meta por diante dos polacos Michal Marek Lubniewski e Arsen Sliwinski.

Rodrigo Germade subiuse ao segundo posto do podio xunto ao betanceiro Carlos Árevalo e aos medallistas olímpicos Saúl Craviotto e Marcus Cooper. O piragüista cangués, integrante do K-4 500 metros, conseguiu asegurarse para España a clasificación olímpica, así, deste xeito, podería participar nunha cita olímpica por segunda vez, xa que foi quinto en Río de Xaneiro 2016.

Finalmente Pedro Vázquez Llenín, piragüista do Kayak Tudense, conseguiu a medalla de prata en K-2 500 xunto ao asturiano Pelayo Roza. Os dous, malia a súa xuventude, puideron subirse ao podio e mesmo competiron ata os últimos centímetros cos bielorrusos Stanislau Daineka e Dzmitry Natynchyc, gañadores por só 35 centésimas.

Tanto Teresa Portela como Pablo Graña, Pedro Vázquez Llenín e Rodrigo Germade teñen recoñecida a categoría DEPO-DAN da Deputación de Pontevedra como deportistas de alto nivel. Esta nova marca de alto rendemento deportivo conta con 116 deportistas na categoría DEPO-DAN, ás e aos que se suman 74 en DEPO-PROMESA, e conta cun total de 200.000 euros que destínanse a apoiar e posibilitar a súa participación nas competicións internacionais e nacionais para o ano 2019 e así axudarlles na consecución dos logros que lles permitan acadar a súas futuras metas deportivas.

A Deputación de Pontevedra, amais de felicitar ás e aos seus deportistas polos éxitos acadados tamén quere subliñar que a provincia de Pontevedra é unha referencia mundial no piragüismo, tal e como evidencian os resultados deste Mundial e tal e como mostran as e os 49 deportistas que teñen recoñecida a categoría DEPO-DAN.

Nota de prensa de la Deputación de Pontevedra