A Deputación de Pontevedra aproba as bases para as actividades deportivas deste ano na provincia

As axudas están dirixidas a entidades e clubs deportivos sen fins de lucro para a realización de actividades deportivas durante este ano e teñen un orzamento de medio millón de euros.

0

 

Pontevedra, 6 de abril de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases das subvencións dirixidas a entidades e clubs deportivos sen fins de lucro para a realización de actividades deportivas durante o ano 2019. O orzamento destas subvencións é de 500.000 euros e poderán solicitalas as asociacións e clubs deportivos sen fins de lucro que teñan o seu domicilio social na provincia de Pontevedra e estean inscritos no Rexistro de asociacións deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte. A cantidade solicitada non poderá exceder o 80 % do orzamento total da actividade e ten que ser unha actividade concreta que non se realice durante todo o ano.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través dun formulario da páxina web e o prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria das bases e do extracto no BOPPO. As entidades solicitantes deberán presentar unha memoria explicativa da actividade e o orzamento de ingresos e gastos detallado e totalizado.

Para a concesión das subvencións teranse en conta os seguintes criterios:

  • número de deportistas ou equipos participantes
  • ámbito territorial
  • número de xornadas
  • antigüidade e consolidación do evento
  • orzamento de gastos e ingresos do evento
  • achega económica da propia entidade ao financiamento do evento
  • interese turístico da actividade
  • promoción do deporte base, feminino e de persoas con diversidade funcional.