A Deputación de Pontevedra abre este luns a inscrición para as “deporte escolas” que este curso estarán en 51 concellos da provincia

0
  • Carmela Silva subliñou que “o programa da Deputación garante o acceso ao deporte e, polo tanto, que todas as nenas e nenos da provincia teñan os mesmos dereitos vivan onde vivan”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro luns 16 de setembro abrirase o prazo para inscribirse nas “DEPOrte Escolas” 2019/2020, “o programa deportivo gratuíto da institución, do que o ano pasado gozaron máis de 10.000 nenos e nenas, que permite este curso que en ata 51 concellos da provincia haxa escolas deportivas, en moitos casos, as únicas que hai nos concellos”.

“DEPOrte Escolas” é o programa deportivo da Deputación de Pontevedra en colaboración e coordinación coas federacións deportivas para contribuír ao desenvolvemento e fomento da actividade deportiva de nenas e nenos en idade escolar.

Silva subliñou que “grazas a este proxecto as nenas e nenos da provincia, vivan onde vivan, poden ter os mesmos dereitos” e engadiu que “o deporte é unha actividade que se está a converter nun servizo fundamental e nun dereito, nós temos moi claro de que a nosa aposta polas «DEPOrte Escolas» é unha aposta por garantir a igualdade de oportunidades para todas as nenas e os nenos da provincia e porque haxa servizos que satisfagan as demandas da cidadanía en todo o territorio”.

Para este curso 2019/2020 os deportes que ofertará de maneira totalmente gratuíta a Deputación son: atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol, judo, loita, patinaxe, piragüismo, rugby e taekwondo. A actividade arrancará a partir do 7 de outubro.

A solicitude de inscrición deberá realizarse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).

Para rematar, Carmela Silva puntualizou que “desde que chegamos ao Goberno as escolas deportivas teñen un principio básico que é a equidade. Todo regúlase con bases e criterios obxectivos. Non hai escolas deportivas que teñan máis apoio en función do concello onde estea, é dicir, damos un trato igualitario a toda a provincia”.

Nota de prensa de la Deputación de Pontevedra