• O presidente da Deputación destacou no acto «o traballo realizado por este equipo, orgullo da provincia, para acadar este éxito», «nun concello, Ribadavia, que merece este recoñecemento deportivo porque é unha parte fundamental da nosa provincia, unha das nosas grandes vilas».

 

  • A Deputación de Ourense, nos seus orzamentos de 2019, dotará con 38.000 euros unha axuda para o club co obxectivo de apoialo nesta categoría do balonmán nacional, na que xogará a vindeira tempada.

No acto, celebrado, no salón de plenos da Deputación de Ourense, o presidente provincial destacou «o traballo realizado por este equipo, orgullo da provincia, para acadar este éxito, tanto desde o punto de vista de técnica, a estratexia e a condición deportiva, pero por riba de todo, da paixón e do sacrificio dun club cunha grande traxectoria, que vén de acadar o merecido premio ao labor desenvolvido ao longo de toda a tempada».

Manuel Baltar salientou que Ribadavia merece este importante recoñecemento deportivo «porque é unha parte fundamental da nosa provincia, unha das nosas grandes vilas, e agora, ademais dos temas termais, patrimoniais e de viticultura polos que destaca, ten un atractivo máis que é poder gozar do balonmán de máis alto nivel, por iso, parabéns aos xogadores, ao corpo técnico e á directiva do club».

O presidente do goberno provincial fixo entrega no acto da figura do afiador «emblema da provincia de Ourense, que representa ao noso pobo: creativo, traballador e emigrante, como tamén o sodes vós coa vosa creatividade para planificar xogadas, traballando coa máxima entrega e levando aló por onde ides, e co máximo orgullo, os nomes de Ribadavia e de Ourense».

O acto contou, asemade, coa presenza do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, e de xogadores, corpo técnico e directivos de Carnes do Ribeiro, quen agradeceron «o apoio da Deputación de Ourense ao noso club e ao que representa para o balonmán en Ribadavia», dixo o presidente da entidade, Iván Reinaldo. Neste sentido, a Deputación de Ourense nos seus orzamentos de 2019, dotará con 38.000 euros unha axuda para o club co obxectivo de apoialo nesta categoría do balonmán nacional, na que xogará a vindeira tempada.