A Deputación de Ourense amplía as prazas do «EsquiOU 2020»

0

 

Rosendo Fernández explicou que «tendo en conta a gran demanda e o éxito desta iniciativa deportiva nas pasadas edicións, engadiuse unha nova quenda para a comarca de Ourense»

En total, 840 prazas para os nacidos desde o 1 de xaneiro de 2008 ata o 31 de decembro de 2011, divididas en oito quendas de 105 persoas por cada unha delas 

As inscricións pódense realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es ata o día 15 de xaneiro de 2020 ás 14.00 horas

 

Ourense, 28 de novembro de 2019.- A Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Manzaneda, pon en marcha unha nova edición da iniciativa deportiva «EsquiOU 2020» que nesta ocasión oferta 840 prazas, para os nacidos desde o 1 de xaneiro de 2008 ata o 31 de decembro de 2011, divididas en oito quendas de 105 persoas por cada unha delas. A presentación desta proposta deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o director xeral de Oca Manzaneda, Gustavo Samartín.

 

Rosendo Fernández explicou que «tendo en conta a gran demanda e o éxito desta iniciativa deportiva nas pasadas edicións, ampliouse a oferta de prazas incorporando  unha nova quenda para a comarca de Ourense». O obxectivo é, en definitiva, que «a mocidade da nosa provincia aprenda, a través do EsquiOU, a esquiar cun programa de actividades nas instalación da Estación de Montaña de Manzaneda», engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense.

 

Pola súa parte, Gustavo Samartín dixo que non tiña dúbidas de que «esta nova edición volverá a ser un éxito como nas anteriores porque notamos que os rapaces gozan de esta experiencia, da convivencia e de aprender a esquiar na estación de montaña de Ourense e a estación de esquí de Galicia, que tamén foi escola de rapaces que acaban competindo». Así mesmo, Bernardino González sinalou que «sempre se cubran tódalas prazas, de feito, o ano pasado, a comarca de Ourense cubriuse en menos de 24 horas, por elo decidimos ampliar as prazas e engadir unha nova quenda para esta comarca».

 

A duración desta actividade é de tres días – dúas noites, de luns a mércores, e inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias. O programa desenvolverase por quendas nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos e nos que poden estar participantes que xa se coñecen previamente, facilitando a integración e a convivencia. A primeira quenda será do 20 ao 22 de xaneiro para as comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda, do 27 ao 29 de xaneiro, será para as comarcas de Allariz, Maceda e A Limia; continúa do 3 ao 5 de febreiro para as comarcas do Ribeiro e do Carballiño; do 10 ao 12 de febreiro para Verín e Viana; do 17 ao 19 de febreiro para Valdeorras; do 24 ao 26 de febreiro será a primeira quenda para a comarca de Ourense; do 2 ao 4 de marzo para Terra de Caldelas e Terra de Trives; e, por último, do 9 ao 11 de marzo será a segunda quenda para a comarca de Ourense.

 

A inscrición no programa pódese realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es, xuntando o formulario de inscrición do ano 2020 cuberto e a fotocopia do DNI do participante. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 15 de xaneiro de 2020 ás 14.00 horas. Cada participante aboará unha cantidade de 29 euros e unha vez feita a preinscrición crearanse os grupos por quendas en función da proximidade xeográfica. O método de selección dos participantes é por rigorosa orde de inscrición e se algún participante quedase sen praza na quenda que lle corresponde, pasaría a unha lista de agarda da cal se irían reasignando participantes por orde de inscrición, no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.