A Copa Galicia de Ciclocross comezou en Poio con Ana Santos e Jacobo Ucha marcando a pauta

0
Foto: Puro Ciclismo

 

Catrocentos ciclistas estrearon este domingo a Copa Galicia 2019 no III Ciclocross Poio Móvese. A primeira das catorce xornadas do certame autonómico tivo como grandes triunfadores á júnior portuguesa Ana Santos e ao elite porriñés Jacobo Ucha (Marcisport). Outros doce corredores subiron ao máis alto do podio no circuíto da Seca.

Laura Mira (Redondela) e Ricardo Buba (Coruxo) impuxéronse en cadetes; Jorge Fernández (Ponteareas), nos juniors; Irene Trabazo (XSM) e Jorge Suárez (Froiz) en sub23; Diana Blanco (Barbanzabike), nas elites; Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo), en máster-30; Alejandro Trasbach (Xesteiras), nos máster-40; Antonio Sousa, nos máster-50; Isabel Castro (Condado Bike), nas máster-40/50; e Manuel González (Bici O Con) nos máster-60.

O Poio Bike Club preparou un trazado no que a area foi un dos factores determinantes. Ucha sóubose adaptar a ese escenario mellor que ninguén na carreira raíña masculina, exhibindo a súa versatilidade sobre a bicicleta. Dúas semanas despois de asinar dous segundos postos na Volta a Galicia de estrada e sete días máis tarde de subir ao podio final na Costa Atlántica de Cross Country Maratón, o do Marcisport abriu a temporada de ciclocross vencendo con doce segundos de vantaxe respecto a outro corredor do Porriño, Jorge Punzón (Cosmos). Coa terceira praza fíxose outro todoterreo: o ciclista profesional de estrada Daniel López (Burgos BH).

Na proba estrela feminina as promesas do ciclocross portugués demostraron o seu nivel. Ana Santos logrou a vitoria e a súa compatriota Rafaela Ramalho obtivo a terceira praza. Entre as dúas juniors portuguesas rematou a campioa galega sub23 Irene Trabazo (XSM), a 17 segundos da gañadora.

Os primeiros líderes da Copa Galicia defenderán os seus maillots o vindeiro domingo no Ciclocross XaxanCX en Marín. Esta cita, ao igual que as do resto do calendario autonómico, tamén será puntuable para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo.