Por segundo ano consecutivo a localidade pontevedresa de Poio encárgase de dar o bandeirazo inicial a outra temporada histórica para o ciclocross galego. Este domingo dispútase a primeira das catorce probas puntuables para a Copa autonómica 2019. Este certame atopará continuidade no Campionato de Galicia e posteriormente no de España, que volverá ter como escenario Pontevedra no mes de xaneiro.
O momento doce desta modalidade plásmase na cifra de participantes da cita inaugural. A inscrición de 393 corredores supón un récord para o Ciclocross Poio Móvese, que celebra a súa terceira edición baixo a organización do Poio Bike Club. A actividade no circuíto da Seca comezará ás 9:30 horas coa carreira de promoción, aperitivo da primeira quenda de saídas da Copa Galicia, fixada para as 10:00.
O certame autonómico repetirá na provincia de Pontevedra, concretamente Marín, o seguinte domingo. Despois, vivirá a súa única paréntese na segunda metade de outubro e regresará con forza en novembro. Para ese mes están programados seis eventos: Culleredo (venres 1), Esmelle (sábado 2), Dumbría (domingo 10), O Rosal (sábado 16), Verín (domingo 24) e Pontevedra (sábado 30).
Copa de España. Decembro abrirase ao grande. A novena xornada da Copa Galicia, o domingo 1 en Pontevedra, tamén será valedeira para a Copa de España. O último mes do 2019 será o máis intenso. A Copa resolverase en cinco xornadas concentradas en menos de quince días: Boiro (venres 6), Xalo (sábado 14), Betanzos (domingo 15), Baños de Molgas (sábado 21) e Maceda (domingo 22).
O ciclocross despedirá o ano en Galicia o 29 de decembro no Porriño, co campionato autonómico. Será a derradeira competición antes de que o circuíto da Illa das Esculturas de Pontevedra se converta no epicentro desta modalidade a nivel estatal, albergando do 10 ao 12 de xaneiro o Campionato de España.