A Real Federación Española de Fútbol vén de concederlle á Federación Galega a organización da Copa de Campións da categoría xuvenil, competición na que se decide o campión de España da categoría e na que participan os primeiros clasificados de cada un dos sete grupos da División de Honra, máis o mellor clasificado dos segundos.

 

Por aquí estarán de seguro moitos dos xogadores que serán, casi de inmediato para as próximas temporadas, futbolistas dos grandes equipos de España e incluso de Europa. Si esta fase final se disputase a día de hoxe, os equipos participantes serían: Real Madrid C.F., Villarreal C.F., F.C. Barcelona, C.A. Osasuna, U.D. Las Palmas, Málaga C.F., Real Club Celta e Sevilla C.F., este como mellor segundo. Un cartel de auténtico luxo con equipos plagados de futbolistas que están xa chamando á porta do fútbol profesional. O Málaga será o defensor do título.

 

Os equipos chegarán a Galicia o domingo 30 de abril e a final disputarase o sábado 6 de maio.

 

Os oito clasificados entrarán nun sorteo puro e quedarán emparexados en catro eliminatorias de cuartos de final, que se disputarán a partido único. Os catro gañadores pasarán a semifinais (os cruces xa estarán sorteados con anterioridade) e os dous vencedores mediranse polo título na gran final.

 

A Federación Galega decidirá a sede da competición nas vindeiras semanas e neste sentido son varias as opcións que se están valorando, tendo en conta todas as esixencias que conleva unha competición deste calibre. Neste sentido, o habitual é que o campionato se desenvolva nun campo de herba sintético, pero a Federación Galega está buscando campos de herba natural, co fin de ver toda a calidade que atesoran estes xogadores e equipos, polo que se valora a opción de elixir máis dunha sede, debido a que son sete partidos nunha semana, si ben esa elección tamén estará condicionada pola retransmisión do evento por televisión.

 

Deste modo a RFEF volve a confiar á FGF a organización dun gran evento nacional que convertirá a Galicia, durante toda unha semana, no centro de atención do panorama futbolístico español.

 

FUTGAL

Foto:RFEF

Comentarios