- O Consello Reitor do CMD aposta por darlle continuidade á proba, referente entre as populares que se corren en Galicia
- Percorrerá 10 km nas marxes do río Miño, con saídas escalonadas e grupos reducidos para garantir todas as medidas de seguridade
Ourense, 24 de setembro de 2020.- A carreira pedestre popular do San Martiño vivirá unha nova edición este ano 2020. Así o anunciou o alcalde de Ourense e presidente do Consello Municipal de Deportes, Gonzalo Pérez Jácome, trala xuntanza do Consello Reitor que se celebrou esta mañá de forma presencial no salón de plenos do Concello.
A proba decana e referente en Galicia nesta especialidade terá este ano unha edición en formato especial, adaptada ás restricións que impón a pandemia da COVID-19. Percorrerá unha rota de 10 kilómetros ao longo das dúas marxes do río Miño ao seu paso pola cidade, con todas as medidas de seguridade precisas para o seu desenvolvemento, saídas escalonadas e grupos reducidos, cuxas dimensións se adaptarán á normativa vixente no momento da celebración. A proba só admitirá a participación este ano de persoas adultas.
A carreira celebrarase no mes de novembro, no marco da programación de actividades que organizará o Concello para celebrar a festa do San Martiño 2020, que tamén se adaptarán á nova realidade orixinada pola pandemia da COVID-19, e coas medidas de seguridade que sexan precisas.