A Atlética Lucense, lúcese no autonómico de clubs Sub16 e Sub20

0

Pouco a pouco comezan a facerse presente unha certa normalidade no calendario de probas atléticas, como así sucedería no día de onte durante a disputa dos Campionatos de Galicia por clubs Sub20 e Sub16 que contaron co patrocinio do Concello de Pontevedra.

Malia as estritas normas de seguridade aplicadas no recinto en todo momento,  novamente as sensacións competitivas previas ao período de pandemia, fixeron acto de presencia durante toda a xornada na que se daban cita un total de 32 clubs

En canto a resultados, na categoría femenina Sub20 a Sociedad Gimnástica de Pontevedra lograba o triunfo nesta edición tomando o relevo do RIA Ferrol, gañador na última edición do ano 2019 na Malata, logo de lograr un total de 97 puntos. Estaría acompañado na zona de podio pola Ourense Atletismo con 92 puntos, e pola Atlética Lucense con 90.

Na categoría masculina o título correspondería ao Real Club Celta quen sumaba un total de 109 puntos e onde a nota negativa produciuse no lanzamento de martelo na que o subcampión de España Sub18 Eric Méndez sufriría unha importante lesión de fractura de tibia e peroné que o terá apartado das pistas no que queda de tempada. A  Atlética Lucense con 95 puntos e Club Atletismo Sada con 84  p. completaron esta categoría nos postos de honra.

Xa pola tarde acontecía a disputa do galego de clubs para as categorías Sub16 no que ao igual que sucedera na mañán, a entrega e a motivación dos e das participantes foi máxima en cada proba e concurso.

Baixo este ambente de deportividade e rivalidade o Atletismo Vila de Cangas impúxose na categoría femenina cun total de 89 puntos seguidas nunha disputa moi axustada pola Atlética Lucense con 85 puntos, sendo terceiras o Atletismo Femenino Celta cun punto menos.

En homes a título foi para o subcampión galego da anterior edición, o Millaraio quen lograba proclamarse campión grazas ao excelente traballo de todo o seu equipo. Sociedad Gimnástica de Pontevedra e Lucus Caixa Rural ocupaban sendos postos na zona de podio.

Cabe destacar nestes campionatos o excelente comportamento de todos e cada un dos participantes os cales loitaron con moita entrega  na procura do maior número de puntos posibles para os seus respectivos clubs. Moitos dos mesmos dobrarían, logrando o triunfo en ambas na categoría Sub20,  Hugo Vázquez do Narón en 110 valos e 400 valos; Miguel Angel Granado do Real Club Celta en peso e disco; María Fernández do ADAS Proinor en 200 m. e 400 m.; Marta Barragáns da Gimnástica en lonxitude e 100 valos; Paula Piñón do A.Femenino Celta en peso e disco. De igual modo na categoría Sub16 lograron dous primeiros postos, Antía Pernas en 100 m. e lonxitude; Alfonso Labella do Millaraio en martelo e xavelina; Xela Martínez da E.Atlética Lucense en 300 valos e 1.500 obstáculos e Gema Dacosta do Vila de Cangas en peso e disco

Mención especial merece a Escola Atlética Lucense quen presentaba catro equipos, ao igual que Sociedad Gimnástica e Ourense Atletismo. Os lucenses fixeron un campionato sensacional logrando catro podios e ocupando a cuarta posición  (empatando a puntos co terceiro) co equipo masculino Sub16.