A 4ª Concentración de Escolas de Rugby de Galicia reúne en Ourense a máis de 400 deportistas

    O evento, presentado hoxe na Deputación de Ourense, celebra tamén mañá sábado, no Campo de Oira a partir das 11.00 horas, o 1º Torneo "Ourense, a provincia termal" de rugby.

    0
    Presentación do I Torneo “Ourense, a provincia termal” de rugbi escolar. 4ª Concentración de Escolas de Rugby.

     

    Ourense, 10 xaneiro de 2020.- Máis de 400 xóvenes deportistas de diferentes puntos de Galicia danse cita mañá sábado, a partir das 11.00 horas, na «4ª Concentración de Escolas da federación Galega de Rugby» e no 1º torneo «Ourense, a provincia termal», probas coas que colabora a Deputación de Ourense e que se disputarán no Campo de Oira, unha concentración escolar na que participarán nenos e mozos das categorías «Sub» 6, 8, 10 e 12. O acto de presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente do Campus Ourense Rugby, Borja Leyenda; o coordinador das escolas de rugby, Américo Gómez; o director deportivo, David Monreal, e o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González.

     

    Os equipos que se dan cita nestas importantes probas do calendario do rugby galego son de Ourense, Pontevedra, Ferrol, Viveiro, Lalín, Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo. Por categorías participan 25 deportistas de Sub6; 109 de Sub8; 140 de Sub 10 e 158 de Sub12.

     

    Presentación do I Torneo “Ourense, a provincia termal” de rugbi escolar. 4ª Concentración de Escolas de Rugby.

    Rosendo Fernández valorou esta actividade, que contará con deportistas de entre 6 e 12 anos de 12 equipos galegos, como un evento «que contribúe a expandir e promover o rugby na provincia de Ourense, ademais de educar en valores por medio dun deporte no que destaca a solidariedade e o respecto». Na mesma liña, Bernardino González salientou «o traballo que desenvolve o Campus Ourense Rugby para dar a coñecer e inculcar este deporte no ámbito escolar na nosa provincia», «un deporte que conta con máis de cen nenos participantes nos diferentes institutos e colexios nos que se traballa, en colaboración cos profesores de educación física», indicou Américo Gómez, e que se leva a cabo nas localidades do Barco, Ribadavia, Carballiño, Allariz e na capital ourensá.

     

    David Monreal agradeceu o apoio da Deputación de Ourense «para poder desenvolver este torneo e para que o rugby siga visualizándose na provincia de Ourense», mentres que Borja Leyenda salientou «o feito histórico que nesta cuarta edición participen máis de 430 rapaces», agradecendo ademais o labor que van realizar voluntarios, técnicos e familiares dos xogadores para que mañá sábado este encontro sexa un éxito».