Un total de 420 nadadores e nadadoras participarán mañá na 47 edición do Trofeo Pedro Escudero, a proba decana da natación galega, que se celebra na piscina Rosario Dueñas do Pavillón dos Remedios. Trátase da cifra máis alta en toda a historia do trofeo.

Ao longo da xornada se nadarán un total de 30 probas (15 masculinas e 15 femininas). A competición comezará a partires das 10:00 horas, coas primeiras eliminatorias. Pola tarde as carreiras se retomarán ás 17:00 horas.

Haberá medallas para os tres primeiros clasificados de cada proba, así como un premio en metálico para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina.

Pola mañá celebraranse as probas (masculinas e femininas) de 400 libre, 50 mariposa, 200 espalda e 100 braza. A entrega de medallas está prevista a partires das 11:25 horas. A continuación terán lugar as probas de 50 libre, 100 mariposa, 200 estilo e 50 espalda, tanto masculinas como femininas. A entrega de galardóns será a partires das 12:50 horas.

Pola tarde nadaranse as carreiras de 400 estilos, 200 libre, 50 braza e 200 mariposa, tanto de homes como de mulleres. Ao seu remate, en torno as 18:40 horas será a entrega de medallas. Para rematar terán lugar as probas de 100 espalda, 200 braza e 100 libre, para ambos sexos. A entrega de medallas está prevista pasadas as 20:00 horas.

A presentación desta actividade tivo lugar hoxe na piscina exterior do Pavillón de Os Remedios e contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Mario Guede; Roberto Abad, coordinador do Consello Municipal de Deportes; e de Santiago Escudero, directivo do equipo técnico do Club Natación Pabellón de Ourense e fillo de Pedro Escudero.