A San Martiño celebra a súa 39ª edición convertida en carreira popular de referencia a nivel deportivo e social.
|
O domingo 15 de novembro celebrarase a 39ª edición da carreira pedestre popular da San Martiño, un percorrido de 10 km polas rúas da cidade que foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense. Convertida xa nunha cita deportiva de referencia a nivel nacional -está homologada pola Federación Española de Atletismo- e internacional,

trátase tamén dun evento social de primeira orde en Ourense. A carreira, en palabras de Mario Guede, concelleiro de Deportes, “é o peche do ciclo de todos os Correndo X Ourense, que rematan o 25 deste mes cun circuíto na Carballeira”. Logo dos “máis de 10.000 inscritos da edición anterior, 2.215 deles con ADN ourensán”, como apuntaba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, para 2015 agárdase aumentar a participación, segundo as previsións de Marta Míguez, coordinadora do Consello Municipal de Deportes.
A carreira terá tres categorías: cativos (menores de 8 anos), que percorrerán unha distancia de 1.400 metros; escolares (9-16 anos), para os que a organización deseñou un circuíto de 4.700 metros; e adultos (a partir de 17 anos), cunha distancia por diante de 10.000 metros. A saída producirase desde a ponte do Milenio, de forma escalonada para non se molestar, e na categoría de adultos haberá códigos de cores coas diferentes marcas persoais. Uns globos de helio axudarán a ir controlando o tempo durante o percorrido. A meta estará situada no pavillón dos Remedios.
Para anotarse na carreira haberá que inscribirse na web deportesourense.com ata o 31 de outubro (cun prezo de 3 euros), ou do 1 ao 8 de novembro (cun prezo de 5 euros). Logo destas datas, o Consello Municipal de Deportes irá entregándolles os chips aos participantes xunto ao dorsal e camiseta conmemorativa. “Baixo ningún concepto se entregarán os chips o mesmo día da carreira”, sinalaba Marta Míguez, “para evitar aglomeracións de última hora que non poidamos controlar”.
Haberá trofeos e premios económicos para os tres primeiros atletas de cada categoría, incluíndo un exclusivo para cidadáns de Ourense, e premios en material escolar para os colexios mellor clasificados. Igualmente, haberá un premio de 500 euros para quen bata o récord da San Martiño (establecido desde 2010 en 28:49 minutos en categoría masculina e 32:45 minutos en feminina), e tamén para os máis rápidos nos 5 km.
Feira do corredor, Carreira solidaria e Voluntariado
Como novidade desta edición, ao redor da San Martiño organizarase unha Feira do corredor, pensada para que os participantes teñan á súa disposición información práctica sobre aspectos da saúde, organizativos e mesmo tecnolóxicos mentres recollen os seus dorsais. Ademais, o día da carreira recolleranse alimentos que entreguen os cidadáns de forma solidaria, e que serán doados posteriormente ao Banco de Alimentos. O ano pasado alcanzouse a cifra de 2.500 quilos.
No eido organizativo, a San Martiño volverá contar coa colaboración da Policía Local, repartida ao longo de todo o percorrido, e da Concellería de Voluntariado, que porá a disposición da organización todos os voluntarios que se anoten antes do día da carreira tanto no pavillón dos Remedios coma na propia Concellería, na praza de San Martiño 2-baixo.
A presentación da carreira contou coa presenza de todos os patrocinadores, a quen o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quixo agradecer especialmente a súa implicación no proxecto, “porque sen a súa achega non poderíamos estar presentando a carreira do San Martiño”.