Presentación da Copa Deputación de Piragüismo 2020.-Vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez: o delegado da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández Ortega; e o presidente da Escuela Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández.

 

Ourense, 29 de setembro de 2020.- Barra de Miño (Coles) acolle o vindeiro sábado a segunda proba do campionato provincial Xogade, enmarcado na Copa Deputación de Ourense de Piragüismo.

A regata foi presentada hoxe no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández, e o presidente da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández. 

 

A proba terá lugar o sábado, a partires das 16.30 horas, logo de terse celebrado hai unhas semanas a primeira proba en Castrelo de Miño e precedendo á que se disputará en Muíños o 24 de outubro, puntuables todas elas para a liga provincial de piragüismo. Un total de 178 regatistas a partires de 12 anos de idade daranse cita neste evento deportivo, no que se disputarán diferentes probas individuais con distancias de entre un e catro quilómetros de percorrido. 

 

Rosendo Fernández destacou «a cooperación entre institucións, que fai posible que probas como esta se poidan celebrar, respectando ao máximo as medidas preventivas fronte ao COVID-19, tendo como elemento común a auga, un dos recursos naturais máis salientables de Ourense nos ámbitos social, sanitario, deportivo e turístico», destacou. 

 

Pola súa banda, José Manuel Fernández, puxo de relevo «a gran canteira de piragüistas coa que contamos na nosa provincia, salientando a implicación de clubs, directivos, pais e regatistas, e José Luis Fernández agradeceu a colaboración das institucións para facer realidade a celebración desta proba.

O alcalde de Coles avogou «por seguir cooperando na mellora das infraestruturas para a práctica dos deportes náuticos», mentres que Manuel Pérez remarcou o apoio da Xunta «a un evento que contará coas máxima medidas de seguridade», remarcando «o exemplo deportivo que supón a Federación Galega de Piragüismo».