700 deportistas participarán na Copa Xunta de Técnica en Teo

0

700 deportistas participarán o sábado 18 de novembro na Copa Xunta de técnica en Teo.

 

O sábado 18 de novembro (a partir das 10:00 horas) o Pavillón Municipal de Calo (Teo) acollerá a Copa Xunta de Galicia de técnica, na que participarán 700 deportistas e 56 árbitros.

A Copa Xunta de Galicia é un torneo de técnica (infantil e adultos) que ten como obxectivo prioritario a promoción deste deporte, aínda que dende hai dous anos inclúe a categoría competitiva, que outorgará puntos para o ránking galego de técnica.

Neste torneo participan aqueles deportistas que acadaron a clasificación nas fases provinciais que se celebraron os días 5 e 6 de novembro coa participación de case 1.500 rapaces e rapazas. Hai que recordar que 1/3 dos participantes da categoría amateur acadaron a participación para a Copa Xunta, mentres que na competitiva os clasificados foron a metade dos participantes.

Na categoría non competitiva participarán 410 nenos e nenas (categoría infantil) e en adulto hai 124 deportistas inscritos. Ademais, na modalidade competitiva -na que estarán en xogo puntos para o ránking galego de técnica- hai inscritos 88 adultos e 77 infantís. As competición celebrarase en horario de mañá e tarde (de 10 a 14:30 horas e de 16:30 a 19:00 horas).