0

Tres medallas galegas na primeira xornada do Open de Turquía! Tania Castiñeira (+73, Hebe)  e Manu Parada (-68, Natural Sport) lograron a medalla de prata, mentres que Pablo Patiño (-68, Patiño) foi bronce! Tres participantes e tres medallas, que máis podemos pedir!

Tivemos duelo galego en -68 quilogramos masculino e dúas medallas. Manu Parada foi prata e Pablo Patiño, bronce, ambos con dúas traxectorias excelentes e un cruce na semifinal.

 

Manu Parada acadou a prata despois de cinco combates.

En primeira rolda superou ao representante de Georgia, Kintsurashuili, nun combate no que ía vencendo de forma clara e que se axustou no tramo final. En segunda rolda venceu ao turco Dogukan Kurutus (4-8) e nos cuartos de final a outro turco, ao que gañou con comodidade (21-1). Na semifinal encontrouse con Pablo Patiño, no que foi o combate máis disputado e interesante, que finalmente caeu a favor de Parada. Así logrou o pase para a final, onde se atopou con Sydou Fofana (Mali), un deportista complicado, que se lle escapou dende o inicio e co que non estivo cómodo en ningún momento (5-25).

Pola súa banda, Pablo Patiño comezou a competición ante Dogan Demir (Turquía), nun combate complicado de inicio, pero que acabou resolvendo moi ben (13-33). O segundo rival foi outro turco, Koksal, ao que superou con moita facilidade (2-31). Nos cuartos de final, superou ao polaco Mateusz Szczesnowski, que acababa de eliminar ao cabeza de serie número 1. Pablo non lle deu opción algunha (40-8). Na semifinal enfrontouse ao seu compañeiro Manu Parada, e nunha axustada loita, venceu o deportista do Natural. Bronce para Patiño.

E a xornada rematou coa prata de Tania Castiñeira que, igual que Pablo, sumou a segunda medalla en cinco días. Tania comezou o torneo contra a turca Ece Nur Akkoyunlu e o fixo de forma absolutamente contundente: 21-1 para a galega.

Nos cuartos, novamente unha turca, Mervenur Euci, un combate complicado a priori, que finalizou con triunfo cómodo da nosa galega. Na semifinal, Tania tivo enfronte á austriaca Marlene Jahl, e ambas ofreceron unha loita espectacular, cun enorme esforzo físico, e vitoria para Tania, que logrou así o pase á final.

E na final atopouse cun vella coñecida, a iraní Zahra Pouresmaeil, a cal logrou o ouro a pesar do enorme esforzo que fixo a nosa deportista. Prata para Castiñeira!