42 quilómetros de deporte e natureza, na II Ruta ciclista de BTT de Coles

O evento deportivo, que terá lugar o día 22 de abril, ten como novidade o Circuíto Ciclista Infantil para nenos de ata 12 anos.

0

O municipio de Coles acollerá o 22 de abril a II Ruta Ciclista de BTT, na que os participantes poderán gozar durante os máis de 42 quilómetros de percorrido da riqueza natural desta contorna ourensá. A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; e o representante do Club Ciclista “Anacrónicos”, Víctor Arias.

Rosendo Fernández destacou a importancia da cooperación “interinstitucional e público-privada, que permite que sexa máis doado lograr os obxectivos”, e salientou “o retorno económico que supón para a contorna o desenvolvemento deste tipo de probas que aglutinan deporte, aventura e natureza”.

A novidade deste ano é o Circuíto Ciclista Infantil, que se desenvolverá entre as 10.00 e ás 13.00 horas, para nenos de ata 12 anos, sendo a inscrición gratuíta. Os nenos que participen deberán ir con casco, xa que no circuíto haberá actividades sobre educación viaria. O alcalde de Coles agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense e explicou que a novidade deste ano contribuirá a que os máis pequenos “sexan futuros participantes da BTT”.

Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 21 de abril, cun custe de 15 euros, a través da plataforma “Prueba-T”. “Ata o momento contamos con 180 inscritos, sendo o número máximo de participantes de 200”, apuntou Víctor Arias, afirmando que ademais do aspecto deportivo, esta actividade “permite recuperar camiños do municipio para despois realizar outro tipo de actividades”.