[alert type=»info»]
- O deputado da área de Deportes da Deputación de A Coruña, García Liñares, destacou a “lección de humanidade, profesionalidade e valentía” dos axentes e comprometeu a continuidade do apoio da Deputación ao torneo.
- As nais dos policías falecidos agradecen a continuidade “dunha iniactiva tan bonita”, que fomenta entre os cativos valores como o deporte e o traballo en equipo.
- O campionato desenvolverase entre o 15 e 18 de xuño nos pavillóns do Ventorrillo, San Francisco, Barrio das Flores e Novo Mesoiro, na cidade da Coruña.
[/alert]
Uns 350 nenos e nenas entre os 6 e 15 anos pertencentes ás distintas categorías base (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e Special Olympics) de 32 equipos de fútbol sala galegos, participarán entre o 15 e 18 de xuño no Torneo de Fútbol Sala “Memorial Héroes do Orzán 2017”, que se desenvolverá nos pavillóns deportivos do Ventorrillo, San Francisco, Barrio das Flores e Novo Mesoiro, na cidade da Coruña.
A nova edición do torneo foi presentada na sede da Deputación da Coruña polo deputado responsable da área de Deporte e Xuventude da institución provincial, José García Liñares; o presidente da Fundación Imdecum, organizadora do campionato, Marcelino Luna, e familiares e compañeiros de Rodrigo Maseda Lozano, Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez, os tres policías falecidos en acto de servizo o 27 de xaneiro de 2012 nas augas do Orzán durante o intento de rescate do mozo eslovaco Tomas Velicky.
Coa celebración deste evento deportivo, ademais de promover o deporte de base entre os nenos e nenas coruñesas, a Deputación quere contribuír a que a memoria dos heroes do Orzán non caia no esquecemento, segundo apuntou García Liñares, que subliñou “a lección de humanidade, profesionalidade e valentía” dos tres axentes, que “non dubidaron en arriscar a súa vida” para axudar a alguén en apuros. Liñares comprometeu tamén o apoio da Deputación para que o torneo siga medrando no futuro e promovendo o deporte entre os pequenos.
“Agradecemos moito esta iniciativa tan bonita”, afirmou Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda, o policía mariñán falecido en acto de servizo, que subliñou o apoio das institucións para que o campionato siga medrando e fomentando entre os cativos “valores como o deporte e o traballo en equipo”. Lozano definiu o evento como “unha tristeza alegre” para as familias dos policías “que nos permite lembralos co balbordo dos nenos”. “Creo que aos nosos lles gustaría moitísimo”, apuntou.
No mesmo sentido se pronunciou Carmen López, nai de Javier López, que tivo palabras de gratitude “para todos os que fan isto posible” e o inspector Javier Saco, que destacou que “a memoria dos axentes permanece na Policía Nacional e nos cidadáns da Coruña”.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, agradeceu o “apoio incondicional” das familias, da Deputación da Coruña, a Cruz Vermella e a Federación Galega de Fútbol Sala “para que o campionato siga medrando”, así como as colaboracións de Special Olympics Galicia, Coca-Cola e DXT Campeón.
Nesta edición do Memorial “Heroes do Orzán”, as entidades participantes son: Troula Betanzos FS, Leis Pontevedra, Xerión Novo Mesoiro, Pescados Rubén Burela FS, Hércules Coruña FS, 5Coruña FS, Club del Mar San Amaro, Ex-Alcohólicos Morás, Distrito V FS, Colegio Liceo, Ventorrillo FS, A Fervenza FSF, Viaxes Amarelle FSF, Santiago Futsal A Gaiola, Melide FSF, Fundación Eu Son, Adcor e Aspronaga.
Moitos deles competirán en diferentes categorías, masculinas e femininas, que inclúen prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e Special Olympics, para persoas con discapacidade.
Sede da Mariña (28 de xuño-2 de xullo)
A tradicional sede de A Mariña acollerá as categorías entre prebenxamín e xuvenil, con torneo entre o 28 de xuño e o 2 de xullo, en Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro. Os equipos interesados poderán reservar a súa praza ata o luns 12 de xuño.