300 atletas de 12 nacionalidades converten a Ourense no protagonista do atletismo, co “Ourense Termal Athletics Meeting”

A proba, organizada pola Deputación de Ourense, celébrase o vindeiro sábado nas instalacións deportivas do Campus, e é a máis importante do noroeste peninsular 

0

 

O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación do “Ourense Termal Athletics Meeting” 2018, a proba deportiva que por quinto ano consecutivo reúne aos mellores atletas galegos, do noroeste de España e do Norte de Portugal. O evento, que está organizado pola Deputación de Ourense, celebrarase o vindeiro sábado na pista de atletismo do Campus de Ourense e no que participarán máis de 300 deportistas de 12 nacionalidade.

A presentación desta proba deportiva contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do “Ourense Termal Athletics Meeting”, Lalo Gómez; a atleta internacional venezolana Nediam Vargas; o director da Área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o secretario da Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo; Manuel Pérez, do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, e o especialista en atletismo Gonzalo Mende.

Rosendo Fernández dixo que esta é a “proba estrela do noroeste español no que a atletismo en pista se refire”, subliñando que evento “conta co apoio total da Deputación de Ourense porque o goberno provincial defende precisamente os valores do deporte, centrados no dinamismo, a cooperación e a superación, que sumados á promoción turística e do termalismo, fan desta proba unha moi importante cita no calendario deportivo, que contribúe á difusión da nosa provincia”.

No evento -que comezará o sábado 12 de maio ás 18.00 horas-, sobresaen, segundo Lalo Gómez, as probas de Velocidade e Medio Fondo, con destacados deportistas galegos, nacionais e internacionais.

Organizado pola Deputación de Ourense, o “Ourense Termal Athletics Meeting” conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Ourense, o Servizo Provincial de Deportes da Xunta e coa colaboración do Club Deportivo Aurum e a Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo. É un encontro que está incluído no calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo.

Máis información en: www.ourensemeeting.es