O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde de Ourense. Jesús Vázquez, participaron en Expourense, na presentación do “10º Salón do Automóbil de Ourense” que nesta edición reunirá a todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO. A primeira fin de semana, do 19 ao 21 de outubro, celebrarase o Salón do Vehículo Novo, e a seguinte fin de semana, do 26 ao 28 de outubro, será a quenda para o Vehículo de Ocasión. En total, participarán 16 empresas representando a 22 marcas que presentarán 30 modelos novos, algúns deles incluso se verán en exclusiva por primeira vez en España.

A Deputación de Ourense e ABANCA colaboran con este evento que está organizado por Expourense e ACAUTO e que supón unha oportunidade única para que “as marcas poidan presentar os seus últimos lanzamentos e os vehículos que van a comercializar de cara ao vindeiro ano”, sinalou Rosendo Fernández quen destacou a importancia de celebrar un evento destas características dado que o “sector do automobilismo é un dos sectores comerciais con maior peso na nosa provincia”.

O obxectivo destas dúas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra tódalas gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

O horario do Salón do Automóbil será os venres (19 e 26 de outubro) desde as 11.00 ás 20.30 horas; e os sábados (20 e 27 de outubro), desde as 10.00 ata as 20.30 horas, mentres que os domingos (21 e 28 de outubro) de 11.00 a 20.00 horas. O custo da entrada é de 3 euros por cada salón.

A organización sorteará entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Na presentación deste evento tamén participou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente da Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, Ramón Seijas; o director de Zona Ourense Centro de ABANCA, Enrique M. Romero; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Francisco Javier Soto; o representante de Stop Accidentes, Benito Bouzada; e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Comentarios