12 ciclistas representarán á Selección de Galicia no Campionato de España junior

0

 

 

As contrarreloxos individuais abren este venres os Campionatos de España de ciclismo en ruta que durante tres días se celebrarán na localidade cántabra de Reinosa para as categorías junior e máster. A Selección de Galicia acude con doce ciclistas en idade xuvenil e non presenta equipo nas probas máster tras ser rexeitada esta proposta pola asamblea da Federación Galega de Ciclismo.

Ás cinco da tarde tomará a saída o primeiro participante da crono masculina junior que se disputa nun percorrido de 19,5 kilómetros con saída e chegada en Reinosa. Iñigo Rodríguez, corredor do Altairán-Redondela, e Guillermo García, do Autronic-Vigués, serán os dous representantes do combinado galego, que defende o título acadado o ano pasado con Martín Bouzas.

A quenda para as mulleres juniors chegará ás 19:30, sobre unha distancia máis reducida, de 12,2 kilómetros. Irene Trabazo, do Club Ciclista Marín, asumirá a responsabilidade de defender os intereses da Selección de Galicia.

 

Carreiras en liña

Para o domingo pola mañá quedan as carreiras de fondo en estrada e nesta ocasión as primeiras en entrar en escena serán as competidoras femininas. Irene Trabazo e Andrea Tomé e Zaida González, ambas do Cidade de Lugo, compoñen o equipo galego. A proba arrancará ás 09:00 horas e completaranse 83,6 kilómetros.

A clausura destes campionatos chegará coa cita en liña para os juniors masculinos, que desde as 11:30 horas percorrerán unha distancia de 106, 8 kilómetros. O ‘nove’ galego fórmano José Carlos Amil (Cambre-Renault Caeiro), Alexandre Blanco (Aluminios Cortizo-Padronés), Daniel Rodríguez e Iñigo Rodríguez (Altairán-Redondela), Yago López e Guillermo García (Autronic-Vigués) e Aitor Bugarín, Jesús Rodríguez e Aarón Mariño (Cidade de Lugo).