Gran primeira parte da Sub-18, pero demasiado sufrimento ó final. Pedro e Jacobo marcaron os goles galegos

Vitoria sufrida e moi valiosa da Selección Galega Sub-18 ante Cantabria

 

FICHA TÉCNICA

Galicia Sub18: Julen Fernández, Mario García, Pablo Gallo, Joel López, Guille De Francisco, Miguel Fernández (Tiago Rodríguez, min. 51), Óscar Martínez, Jacobo Vilariño (David Álvarez, min. 71), Diego Pampín (Óscar Caramés, min. 72), Pedro Alves e Alex Boedo (Pablo Porrúa, min. 26).

Cantabria Sub18: Iván Rumenov, Jesús Llano, Alberto Revilla, Diego Mirapeix, Diego Sanz, Víctor Alfageme (Alejandro Esteban, min. 83), Saúl García, Diego Marta (Gabriel Fernández, min. 73), Paulino Miguélez, Eric Sainz (Roberto Olavarrieta, min. 75) e Matthew Orobio (Alejandro Cañizo, min. 67).

Goles: 1-0 Pedro Alves (min. 7); 1-1 Diego Mirapeix (min. 25); 2-1 Jacobo Vilariño (min. 42).

Árbitro: Bolado Palencia, asistido por Losada Feijoo e Jiménez Alario. Cartóns amarelos ós cántabros Saúl García e Diego Mirapeix.

Campo: Municipal de Bezana. 800 espectadores.

 

Sufrida vitoria a conseguida pola Selección Galega Sub 18 contra unha competitiva selección cántabra. Sufrida porque os galegos baixaron o ritmo na segunda metade e perderon o control do partido, mantendo con vida ós anfitrións, os cales apretaron nos últimos minutos e a piques estiveron de acadar a igualada.

Gran primeira parte dos de Secho, con intensidade, posesión de pelota, xogo dinámico e total control da situación. O balón camiñaba con velocidade dun lado ó outro do campo e era fácil velo na área cántabra con asiduidade.

Este bo arranque de partido tivo recompensa co gol de Pedro Alves, un dianteiro referencia que lle puxo as cousas realmente difíciles ós centrais cántabros. Pero non tardou en reaccionar un rival que sempre se amosa especialmente competitivo e logo dun par de avisos lograría empatar á saída dun córner, cun remate do central Diego, en posible falta a Julen, porteiro da selección galega.

Continuou dominando Galicia, aínda que xa sin tanta presencia preto da portería rival. Unha falta directa executada por Pampín foi a ocasión máis clara, pois o balón chegou a tocar na cepa do poste esquerdo da portería cántabra.

E xa cando parecía que se chegaría ó descanso con empate, chegou o gol da vitoria. Gran pase de Joel á espalda da defensa e magnífico remate de Jacobo sin deixar caer a pelota.

Con 2-1 chegouse ó intermedio, e de aí a unha segunda parte para esquecer. Nada que ver coa primeira. Galicia perdeu a pelota e o control do partido, aínda que polo menos tampouco concedeu ocasións de gol, salvo un par xa nos derradeiros instantes do encontro, unha delas moi clara.