Todo listo para os Campionatos de España de Remo en Ribadavia e Castrelo

0

 

No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ignacio Gómez e Ricardo González.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de levar a cabo eventos deportivos que «aúnan saúde e turismo, e que supoñen unha gran oportunidade para dar a coñecer o territorio e as súas potencialidades». Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou «o apoio do goberno provincial ao remo a través do CERLAC, no cal seleccións de distintos países se preparan».

Pola súa parte, o municipio de Ribadavia acollerá o XVI Campionato de España de Remoergómetro, que se desenvolverá no polideportivo Municipal, mentres que Castrelo de Miño acollerá a proba do VII Campionato de España de Fondo – Trial de Inverno a celebrarse nas instalacións do Centro Náutico deste municipio. En canto á participación, daranse cita entre as dúas probas preto de 500 deportistas.

No Campionato de España de Remoergómetro entregaranse medallas (ouro, prata e bronce) aos tres primeiros clasificados nas diferentes categorías. E, no Campionato de España de Fondo, entregaranse medallas (ouro, prata e bronce) aos tripulantes das embarcacións clasificadas nos tres primeiros postos de cada modalidade e categoría. Por tratarse de Campionatos de España, para poder acceder a estes galardóns, os clasificados deberán ter a condición de deportistas de clubs españois. Os que non cumpran con este requisito e queden entre os tres primeiros de cada modalidade, serán agraciados cunha medalla simbólica.