Tríatlon Ferrol, Campión da Copa da Raíña, mentres que Cidade de Lugo acadou o bronce

0

 

 

Espectaculares resultados dos clubs galegos na Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon (primeira xornada da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon 2017), que se celebrou hoxe en Águilas (Murcia). O Tríatlon Ferrol feminino revalidou o título acadado o pasado ano, cunha gran superioridade, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial logrou subir ao podio tanto na Copa do Rei (prata) como na da Raíña (bronce). E sen esquecer a medalla de bronce do Arcade Inforhouse na Copa do Rei.

A Copa é unha proba da distancia sprint contra o reloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Ao saír nos últimos postos os mellores equipos, a emoción estivo garantida ata o final, cando o equipo formado polas irmás Camila e Melina Alonso, Inés Santiago, Carmen Gómez e Ana Carjaval chegaron a meta cun tempo de 1:05:21, e máis dun minuto de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Diablillos de Rivas (01:06:34). As galegas revalidaron así o título do pasado ano, cunha actuación estelar. Na terceira posición, outro club galego, o Cidade de Lugo Fluvial, cun tempo de 01:07:29, mentres que a medalla de chocolate foi para o Náutico de Narón (01:08:26), estivo liderando a proba moito tempo. O Arcade Inforhouse ocupou a oitava posición.

Na categoría escolar feminina, que se celebrou pola mañá, medalla de bronce para as rapazas do Náutico de Narón cun tempo de 29 minutos e 11 segundos.

Copa do Rei. Na proba masculina continuaron os éxitos para os clubs galegos, aínda que o título foi para Fasttriatlon CN Montjuic, que logrou superar a un espectacular Cidade de Lugo Fluvial (con Andrés Cendán, Pablo Dapena, Javier Lluch, Ricardo Hernández e Antonio Benito) que loitou ata o final polo triunfo. Os lucenses acadaron a medalla de prata cun tempo de 57:35, a 38 segundos de distancia do conxunto catalán, mentres que o Arcade Inforhouse (57:59) logrou a medalla de bronce.

Na categoría escolar masculina, máis éxitos galegos, grazas ao bronce do Cidade de Lugo Fluvial (25:05). As distancias escolares son de 250 metros de natación, 8 quilómetros de ciclismo e 1,5 de carreira a pe.

Campionato de España de Tríatlon por relevos (segunda proba da Liga). Mañá 7 de maio celebrarase esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (250 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro. A proba feminina comezará ás 12:00 coa participación de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Náutico de Narón e Tríatlon Ferrol, mentres que a masculina comezará ás 13:30 horas coa presenza de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Tríatlon Arteixo. Ademais celebrarase este mesmo campionato en idade escolar, a partir das 09:00 horas.

No 2016 o Cidade de Lugo acadou a medalla de prata no Campionato de España de Tríatlon por relevos masculino, mentres que o Tríatlon Ferrol foi bronce no feminino.