«EsquiOU 2019» abre a súa convocatoria para que máis de 700 nenos da provincia practiquen deportes de inverno en Manzaneda

0

A Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Nova Manzaneda, organiza un ano máis o programa «Esquiou 2019», para achegar a práctica de deportes de inverno e actividades de lecer a 735 nenos da provincia de Ourense, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar no centro cultural «Marcos Valcárcel», acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.

Manuel Baltar destacou que se trata «dunha actuación máis no ámbito da infancia como as que vimos desenvolvendo desde a institución provincial, nun dos enclaves máis atractivos da nosa provincia, que coa inminente posta en marcha dos canóns de innivación, un dos proxectos estratéxicos de MEISA, a razón fundamental pola que a Deputación de Ourense se incorporou de novo ao accionariado e, sen dúbida, o proxecto estrela», afirma Manuel Baltar, destacando «a firme aposta da Deputación de Ourense, da man da Xunta de Galicia, por modernizar esta infraestrutura de deporte e natureza, singular no noroeste da Península Ibérica». Neste sentido, Gustavo Samartín dixo que os trinta canóns de neve artificial xa están instalados e que proximamente, cando a meteoroloxía o permita, comezarán a funcionar.

Baltar dixo que o programa EsquiOU «achega un ano máis aos nenos da provincia a estación de Cabeza de Manzaneda, a estación de esquí de Galicia e do norte de Portugal, para a súa inmersión na neve e o coñecemento dos deportes de inverno, todo elo nun dos entorno naturais máis importantes da nosa provincia».

Pola súa parte, o director da Estación Oca Nova Manzaneda destacou a «magnífica acollida» que ten esta iniciativa deportiva e a posibilidade que lle ofrece aos nenos da provincia de «aprender da estación e gozar da natureza», porque compaxínanse «actividades propias da estación con actividades centradas na aprendizaxe do esquí e nese primeiro contacto coa neve».

O programa «EsquiOU» oferta 735 prazas para nenos de 9 a 12 anos das sete zonas xeográficas da provincia, ofrecendo un completo programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2010. A duración é de dúas noites e tres días, de luns a mércores.

O programa divídese en sete quendas de 105 persoas cada unha, que serán organizadas por proximidade xeográfica para facilitar a integración e a convivencia entre os participantes. Así, a primeira quenda, do 28 ao 30 de xaneiro, será para as comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda, do 4 ao 6 de febreiro, para as de Allariz, Maceda e A Limia; a terceira, do 11 ao 13 de febreiro, O Ribeiro e O Carballiño; a cuarta, do 18 ao 20 de febreiro, para Verín e Viana; a quinta, do 25 ao 27 de febreiro, para a comarca de Valdeorras; a sexta, do 4 ao 6 de marzo, para a de Ourense; e a sétima quenda, que vai do 11 ao 13 de marzo, para as comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.

Os interesados en participar no programa poden inscribirse ata o día 15 de xaneiro de 2019 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O custe para cada participante será de 29 euros.