Ciclismo | 300 ciclistas buscarán este venres os títulos autonómicos de CRI en As Pontes

0
Foto: Puro Ciclismo

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, é unha data que tamén significa a celebración do primeiro campionato autonómico de ciclismo do ano. Neste 2019 será As Pontes o escenario da cita na que se porán en xogo os títulos de contra o reloxo individual. Ás 10:00 horas tomará a saída o primeiro dos 300 corredores que rodarán polas estradas desta vila coruñesa.

O Campionato de Galicia CRI, organizado polo Club Ciclista As Pontes – Vilalba,  arrancará coa posta en marcha do handbiker Alejandro Ferradás (Riazor). Os participantes nesta modalidade de ciclismo adaptado, ao igual que os máster-60, as cadetes e os cadetes, irán entrando en escena cada 30 segundos e deberán completar un percorrido de 12 quilómetros.

A partir das 10:42 ampliaranse a distancia e o tempo de espera na rampla de inicio. Os máster-50 serán os primeiros en enfrontarse a un trazado de 23 km e sairán de minuto en minuto. Esta frecuencia manterase ata que ás 14:25 compareza Aser Estévez (Ciclismo Oiense) o vixente posuidor da coroa Elite conseguida hai un ano en Cerceda.

O ciclista de A Guarda, once veces gañador do campionato autonómico desta modalidade, encabeza a nómina de defensores dos títulos. Xunto a el subiron ao podio no 2018 María Jesús Barros (Spol) nas elites, Carla Castaño (Compostelano) e Guillermo García (Supermercados Froiz) en sub23, Carla Fernández (Río Miera) e Brais Gómez (Ponteareas) en juniors, Noela Saa (Academia Postal) e Miguel Ángel Mera (MMR) en cadetes, Iván Montero (Riazor) en handbike, Anna Adelin (2.0 Sport) e Iago Alonso (Chantandino) en máster-30, María Gestal (Monte Xalo) e Eduardo Tajes (Norinver) en máster-40, Javier de la Fuente (Norinver) nos máster-50 e Manuel Vigo (Bici Oliveira) nos máster-60